A portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Noelia Otero, propuxo hoxe “información veraz e políticas de vivenda pública” fronte aos “bulos” emitidos por PP e Vox sobre a okupación. Otero presentou unha proposta en Comisión para reclamar “responsabilidade e actuar con datos reais e oficiais”, e loitar dende a administración autonómica contra a falla de vivenda a través de políticas públicas eficaces.
A responsable socialista denunciou o tratamento deste suposto problema como “cortina de fume para non falar do fondo do asunto, porque a okupación ao final reflicte a falla de acceso á vivenda”, mentres a dereita e a extrema dereita “converten en clichés e lugares comúns unha serie de mentiras, xeneralizacións e manipulacións sobre este fenómeno”.
Otero lembra que as demandas por okupación de vivenda teñen diminuído en Galicia un 35 por cento con respecto a 2019, o que a sitúa como cuarta Comunidade Autónoma con menos casos, segundo o CGPX. Ademais, no que vai de ano foron presentados en Galicia 5 procedementos por okupacións ilegais, 0,8 por cada 100.000 habitantes, tan só por enriba de Asturias -0,7-, País Vasco -0,6- e Navarra -0,2-.
O mesmo informe do CGPX revela que case o 80 por cento dos lanzamentos executados durante o terceiro trimestre producíronse por impago do alugueiro, cunha taxa de 11,9 lanzamentos por cada 100.000 habitantes, sete puntos por debaixo da media estatal, do 18,3, e que ademais apuntan ás “enormes dificultades para facer fronte aos alugueiros e dispoñer do dereito fundamental á vivenda”.
Es isto é así cando os prezos da vivenda disparáronse un 40 por cento nos últimos 5 anos nunha Comunidade Autónoma que ten un parque de 300.000 vivendas baleiras e un total de 15.000 familias apuntadas ao rexistro único de demandantes de vivenda, aproximadamente 50.000 individuos que precisan dunha residencia e aos que o goberno galego deixa sen apoio.
O mesmo goberno galego, engadiu, que ao tempo que alimenta a pantasma da okupación apenas destina 40 millóns de euros aos programas de acceso á vivenda, menos da metade dos 108 millóns de euros que orzamentaba a estas mesmas partidas o goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño no ano 2008.
Proposta
A parlamentaria socialista reclamou por iso “actuar con responsabilidade atendendo aos datos reais e oficiais sobre okupación e deixando de sementar temor e alarma social”, e urxiu a “reformular o Pacto de Vivenda de Galicia 2021-25” para convertelo nunha “ferramenta eficaz ante o aumento das dificultades por parte da mocidade e das persoas vulnerables á hora de acceder a unha vivenda”.
Tamén reclamou “políticas públicas de vivenda que garantan o acceso da cidadanía a unha vivenda digna”, prevendo o “uso da vivenda como un ben especulativo e non coma un dereito de todos e todas”. Reivindicou “a urxente ampliación do parque público de vivenda e a posta en disposición para o réxime de alugueiro”, así como “mobilizar un gran parque de vivenda desocupada”.