O voceiro parlamentario chama á Xunta a “liberalizar” as peaxes das autoestradas galegas AG-55 e AG-57: “ademais de pedir máis rebaixas ao goberno central, a Xunta debe levantar as peaxes de Carballo e Val Miñor”
O deputado socialista sinala os 546 millóns de euros previstos para conectar Lugo coa alta velocidade e urxe un “acordo de país” para que a conexión de Vigo por AVE “non quede rezagada”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe, no Parlamento, o “avance” en mobilidade para a recuperación poscovid e sinalou que “trala chegada do AVE e as rebaixas da AP-9, cómpre abordar novos retos e que a Xunta faga algo”.
Neste sentido, o dirixente socialista puxo en valor a “aposta importante” e “etapa fecunda” en infraestruturas por parte do goberno de España dende o ano 2018. Así, subliñou, “a chegada do AVE era unha materia pendente e un deber co que había que cumprir e estamos cumprindo con Galicia permitindo que chegue a alta velocidade sen que ningún tipo de retraso se teña derivado da acción do goberno socialista”.
“Traballei cóbado con cóbado co ministro José Luis Ábalos e co conxunto do Ministerio de Fomento para acadar avances significativos en materia de infraestruturas” que, por exemplo, “están permitindo circular de forma máis económica” pola AP-9 ou que farán que, “a partir da semana que vén, a chegada o AVE sexa accesible a todos os galegos e galegas”, sinalou.
Ao fío disto, o responsable socialista puxo en valor a chegada do AVE a Ourense a próxima semana, ao tempo que pediu ao Executivo central que “siga traballando” para completar a liña de alta velocidade a todas as cidades galegas, “como está facendo”, especialmente abordando os retos de conexión para áreas como Vigo e Lugo.
“NOVOS RETOS”
“Agora que temos cumprido coas rebaixas históricas das peaxes da AP-9, coa chegada do AVE ata Ourense, coa electrificación das vías ata Lugo con 546 millóns de euros ou apostado pola conexión de Punta Langosteira por vía ferroviaria, o reto de conectar Vigo con Madrid a través de Cerdedo ten que ser un acordo de país entre todas as forzas políticas”, sentenciou o dirixente socialista.
Así, Gonzalo Caballero urxiu a necesidade de “marcar os retos de investimento dos próximos anos para que unha zona tan puxante como a do sur de Galicia e toda a provincia de Pontevedra non queden regazadas”. “Debemos seguir avanzando e manter novos compromisos”, reivindicou, xa que “non pode ser que unha das áreas metropolitanas máis importantes de Galicia teña que conectarse coa alta velocidade con Madrid cun dos tempos máis alongados”.
De feito, incidiu en que “parece incongruente que para ir de Ourense a Madrid se tarden 2 horas e 15 minutos e para ir de Vigo a Madrid se tarden 4 horas e 16 minutos”, polo que “temos que conseguir un gran acordo para que a conexión do sur de Galicia con Madrid sexa unha prioridade en Galicia e tamén no conxunto do Estado”.
En canto a Lugo, o voceiro socialista sinalou que a provincia “estivo á cola dos compromisos”, pero agora, grazas á implicación do goberno de España, “hai un compromiso xa previsto en materia orzamentaria que vai permitir sacar a Lugo dos retrasos e darlle unha vía de conexión coa alta velocidade cun investimento de 546 millóns de euros”.
“ADEMAIS DE PEDIR, A XUNTA TEN QUE DAR TRIGO”
Noutro orde de cousas, o voceiro socialista chamou á Xunta a “levantar” as peaxes das autoestradas galegas AG-55 e AG-57, unha vez que a conselleira de Infraestruturas está a pedir “unha nova rebaixa nas peaxes da AP-53” no tramo de Lalín a Santiago. “Ademais de pedir, a Xunta ten que dar trigo”, sentenciou.
“Paréceme ben que dende Galicia queiramos pedir rebaixas, pero é hora de que o goberno de Feijóo tome medidas de calado e traballe na gratuidade das autoestradas galegas de Carballo e Val Miñor”, sinalou, xa que “con poucos millóns de euros poden poñer a libre circulación” e, en definitiva, “poñer algo da súa man” en cuestión de infraestruturas.
“É un sen sentido que a conselleira néguese a levantar as peaxe en Carballo e Val Miñor”, destacou logo de lembrar que o goberno de España “inviste en rebaixas das peaxes en Galicia cen veces máis do que inviste a Xunta”.