A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que manteña aberto o Centro de Saúde de Os Tilos, que o goberno galego pretende pechar xunto co de Cacheiras diante da apertura das novas instalacións en A Ramallosa.
Díaz apoia a apertura do novo centro, pero advirte de que “a racionalización dos recursos públicos non pode nunca supor unha mingua dos servizos xa existentes en zonas nas que efectivamente existe unha demanda máis que contrastada”. A urbanización de Os Tilos conta actualmente con 2.350 veciños, que veñen utilizando a instalación sanitaria dende o ano 1994, e que se verían obrigados a desprazarse 6 quilómetros ata o novo centro nun transporte público deficiente.
A responsable socialista leva ao Parlamento as demandas da veciñanza reclamando a rectificación dos plans da Xunta “para así prestar a asistencia e prevención máis axeitada ás persoas usuarias que precisan controis periódicos, dadas as súas patoloxías”.
Engade que a proba da necesidade deste Centro é “a lista de agarda que existe para poder dispor de médico de familia” nun servizo que conta con dous facultativos de medicina de familia, dous de enfermaría e un servizo compartido de matrona e pediatría.