Martín Seco reclámalle ao PP que aproveite esa moratoria para elaborar unha nova regulación que estableza seguridade no sector e no medio rural
O Grupo Socialista presentou emendas a Lei de Medidas Admistrativas e Fiscais dos orzamentos de 2022 para reclamar unha nova regulación do sector eólico en Galicia aproveitando o tempo de moratoria establecido pola Xunta. O deputado Martín Seco advirte de que os cambios normativos establecidos na lei -e posteriormente emendados polo propio PP- “lonxe de dar certezas ao sector e seguridade á veciñanza, seguen a xerar inseguridade nas empresas e traerá consigo unha paralización da instalación de enerxía eólica”.
O parlamentario alerta desta posibilidade “nun momento crucial para aproveitar as oportunidades que xorden neste período de transición enerxética”, ademais de incidir “na contestación social existente pola falla dunha regulación que defenda os dereitos da cidadanía do noso do medio rural”.
Seco pon de relevo “os bandazos do goberno galego non contentan nin as empresas do sector nin aos colectivos e concellos afectados pola aparición de múltiples proxectos de parques eólicos no seu territorio”. Así, lembra que primeiro “aumentaban as distancias dos muíños ás vivendas para novos proxectos e repotenciacións, tal e como reclamabamos os socialistas dende fai meses, para logo seren emendadas polo PP, limitando moito a súa aplicación”.
Por iso, Martín Seco pide que nese período de moratoria para novos proxectos, establecido pola lei de acompañamento, “manteña a distancia mínima que establecera o goberno para todos os proxectos”. Tamén que “faga o esforzo de falar cos sectores afectados, tanto as empresas eólicas como concellos e colectivos, para desenvolver un novo Plan Sectorial Eólico”
Ese Plan debería regular “con maior seguridade” as distancias dos muíños a cada tipo de solo, que establecer un novo mapa de Áreas de Desenrolo Eólico, determinar as zonas a protexer polo seu valor medioambiental, patrimonial ou de protección agraria, dar maior transparencia ás negociacións entre os propietarios do solo e as empresas instaladoras, así como un maior retorno económico aos propietarios e á propia administración afectada pola enerxía eólica instalada.
O deputado socialista lembra que durante o 2020 non se instalou nin un so MW de enerxía eólica en Galicia e “remataremos o 2021 con só 70 MW instalados, o que supón unha paralización que pon en risco o traballo de moitos miles de cidadáns e o futuro de empresas que son esencias para moitas comarcas de Galicia”.
Así, solicita tamén que se elimine o arquivo de expediente coa perda dos permisos de acceso, algo que xa está regulado pola normativa estatal.