A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, urxiu á Xunta a aceptar a emenda socialista aos Orzamentos que habilita 2,5 millóns de euros de axudas estratéxicas para o sector da castaña a través do Igape. Rodríguez presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que reclamou medidas concretas e eficaces máis alá dos plans estratéxicos da Xunta que quedan en “meras declaracións de intencións con nulos resultados”.
Rodríguez sinalou que o sector da castaña ten pasado de certificar unha produción de 68.360 quilos en 2011 a tan só 24.961 en 2020, mentres vén como o goberno galego dálle as costas rexeitando a emenda socialista con 2,5 millóns para liñas de I+D. Advirte de que o sector “non conta coas axudas da Xunta de Galicia para emprendedores, novas incorporacións e remuda xeracional ou axudas PDR”.
Ademais, nesta temporada, concellos nos que a castaña ten unha importancia capital, como Riós, Viana do Bolo, A Gudiña, Vilariño ou A Mezquita viron como os castiñeiros eran afectados por unha enfermidade foliar que provocou a perda do froito, cunha perda da produción de entre o 70 e o 80 por cento. Esta situación, xunto con diversos efectos acumulados está a provocar a seca de soutos centenarios que poden morrer de non atoparse unha solución axeitada.
Carmen Rodríguez reclámalle á Xunta que faga unha diagnose exacta das causas que provocaron a defoliación prematura do castaño e a perda do froito, que incorporen as patoloxías do castiñeiro ao sistema de alertas fitosanitarias, e que dean recomendacións oficiais aos propietarios dos soutos. Tamén propuxo melloras na transferencia de tecnoloxía entre o I+D galego e os produtores desta planta.
A parlamentaria socialista urxiu a reactivar a Mesa da Castaña, logo de que no último Consello Forestal decidiran reducir as reunións anuais á metade, ao tempo que suprimían a denominación da castaña como produto forestal. Reclamou axilizar a cuantificación dos danos e habilitar axudas directas aos produtores afectados pola perda de produción, ademais de habilitar cursos de formación nos centros de formación e experimentación agroforestal.
Rodríguez Dacosta pediulle ao goberno galego que desenvolvan o Plan Estratéxico do Castiñeiro durante este mesmo ano para que “non quede nunha mera declaración de intencións”. Sinalou as dificultades para concienciar e sensibilizar aos produtores á hora de certificarse baixo o selo da Identificación Xeográfica Protexida da Castaña, que polo momento ten adherida menos do 3 por cento da superficie galega con plantacións de castiñeiros recollidas no mapa forestal.