Propón incluír nos convenios colectivos cláusulas específicas que eviten situacións de discriminación e que garantan a igualdade de dereitos e a protección das persoas LGTBI
A voceira de LGTBI do Grupo Socialista, Noelia Otero, urxiu á Xunta a abordar a discriminación existente na contorna laboral cara ao colectivo LGTBI. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, ante a presentación dunha interpelación ao goberno galego neste sentido.
“Hai que garantir unha contorna laboral inclusiva”, reivindicou a dirixente socialista logo de coñecer os “datos realmente preocupantes” amosados por un estudo de UXT do mes de outubro deste ano que sinala que o 96% das persoas LGTBI en Galicia consideran “un inconveniente” a súa condición á hora de atopar traballo, ao tempo en que sinala que 6 de cada 10 traballadoras ou traballadores na nosa comunidade “teñen vivido algunha agresión como comentarios de carácter despectivo, xestos ou agresións físicas”.
Asemade, o documento revela que o 91% dos galegos e galegas considera “necesario” ocultar a súa orientación sexual, o que arroxa “un panorama desolador”. “Atopámonos entre as tres comunidades onde a percepción da discriminación é máis alta”, alertou a voceira quen subliñou que o goberno galego “está na obriga de actuar e facelo con premura”.
Aínda por riba, incidiu, esta situación deriva en “moitas ocasións” en que, por ocultar a súa condición, as e os traballadores LGTBI renuncian a dereitos laborais básicos que o resto de traballadores e traballadoras “nin se cuestionan” como os permisos por matrimonio ou de acompañamento á parella ao centro médico.
“Estamos nun momento preocupante”, subliñou Otero, xa que o “caldo de cultivo” que se leva tempo advertindo “está calando” nunha parte da sociedade e “isto tradúcese nun aumento da desigualdade, da discriminación e das agresións a persoas LGTBI”.
“Mirar cara a outro lado non é unha postura aceptable”, sentenciou a socialista, quen fixo un chamamento á “responsabilidade” e censurou un discurso que “está a sementar” a ultradereita “atopando en moitas ocasións acubillo na sociedade e nas institucións”, como é o caso da comunidade de Madrid onde, subliñou, “non se pode dar nin consentir dar un paso atrás na lexislación LGTBI da comunidade por manter un pacto con Vox”.
Por todo isto, Otero propuxo incluír nos convenios colectivos cláusulas específicas que eviten situacións de discriminación e que garantan a igualdade de dereitos e a protección das persoas LGTBI e, así, urxiu ao goberno galego a “incentivar” a introdución de plans de igualdade específicos nesta materia, xa que é unha “medida indispensable” para evitar que a maioría dos traballadores e traballadoras LGTBI se atopen cunha “problemática intolerable”.