O voceiro parlamentario reclámalle ao presidente da Xunta “un esforzo para reforzar no canto de recortar” servizos públicos como a educación e a sanidade onde hai que rectificar o despido de profesionais
Caballero alerta de que os datos que ofrece o presidente da Xunta “son unha especie de maquillaxe para dar verdades a medias” e que “so acerta cando rectifica”
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, instou hoxe ao presidente da Xunta a que fortaleza os servizos públicos -de maneira específica a sanidade e a educación- para afrontar a sexta onda da covid.
Nun contexto no que en Galicia se detectan máis de 1.000 casos ao día, no que hai máis de 10.000 contaxiados e máis de 200 persoas ingresadas en hospitais, Caballero lembrou que “a defensa dos servizos públicos fronte a pandemia será a mellor garantía para que ninguén tiña que sufrir ningún tipo de desigualdade”.
Na procura deste obxectivo, Gonzalo Caballero acusou á Xunta de “ir a remolque” no ámbito da educación e lembrou que “se a Xunta tivera tomado as medidas de reforzo de profesorado a situación agora mesmo estaría mellor”. De feito, o voceiro parlamentario do PSdeG lembrou que, tras a nova etapa que se abriu despois da vacinación, Galicia volve presentar ás portas do Nadal un risco de transmisión “que nos preocupa e na que o número de contaxios medra máis que noutras partes do Estado”.
Neste escenario, lembrou que “hoxe teñen menos persoal sanitario e educativo que o ano pasado” e alertou das consecuencias que están a ter os despidos de profesionais neste eidos.
Gonzalo Caballero advertiu de que no eido da educación houbo “unha problemática específica non ben xestionada e que está a provocar un caos nos centros de ensino”. “Decidiron”, subliñou o portavoz socialista, “despedir a 868 profesores e profesoras e incrementar a ratio de alumnos e alumnas e agora temos 1.800 casos e 100 aulas pechadas”. Trátase, ademais, dunha situación na que “os protocolos non están funcionando ben no seguimento dos casos”, o que provoca “riscos” para o conxunto da comunidade escolar e as familias.
Do mesmo xeito, o despido de máis de 500 profesionais na sanidade pública está a xerar “saturación na atención primaria, así como colapsos en urxencias ou gromos en determinados hospitais”. Por iso, Gonzalo Caballero esixiulle ao presidente da Xunta que volva contratar ao número máximo de profesionais da sanidade e da educación pública que había durante os momentos máis complicados da pandemia
Por outra banda, tamén lle reclamou a Feijoo que active un sistema de rastrexo suficiente para detectar aos 160.000 persoas que aínda non están vacinadas en Galicia e, a partir de aí, “ver cales son as causas e as posibles accións que se poden adoptar para incentivar a vacinación e que esta poida chegar ao cen por cen”.
“FEIJOO SÓ ACERTA CANDO RECTIFICA”
Fronte a este escenario, Gonzalo Caballero pediulle ao presidente da Xunta que “faga traballo a pé de país” e que “recoñeza que os seus datos son unha especie de maquillaxe con verdades a medias” para intentar xustificar os seus erros de xestión.
Entre eles, lembrou que “a súa Lei de saúde tivo que ser rectificada polo Tribunal Constitucional”, ou que chegou a implantar o certificado covid sen solicitar autorización xudicial “e tiveron que frealo”.
“So cando rectifica acerta, e é mellor que rectifique moito no que non está ben feito”, sinalou Gonzalo Caballero. Pediu rectificacióm ante o despido de profesionsiais sanitarias.
MEDIAS DE APOIO AOS SECTORES PRODUTIVOS
De maneira complementaria, Gonzalo Caballero reclamoulle a Feijoo que “tome as medidas necesarias e que traballe para sacar ao país da situación na que estamos tamén en ámbitos como a economía e a igualdade”.
Ao fío disto, sinalou que “a crise vai manter un certo nivel de persistencia” que vai ter efectos sanitarios, pero tamén sociais e económicos. Por iso, ademais de fortalecer os servizos públicos, tamén hai que apoiar os sectores produtivos para modernizar a economía, xerar emprego e loitar contra desigualdade.
“O reto”, proclamou o voceiro parlamentario do PSdeG, “é apostar pola igualdade e pola xente cos mellores servizos públicos fronte a pandemia”.