O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, alertou hoxe de que a “pasividade” do Goberno galego “pode acabar co peche” de 11.000 ganderías tradicionais en toda Galicia, afogadas polo aumento dos custes e a caída das ventas logo da pandemia. Seco presentou unha moción no Pleno do Parlamento para que a Xunta garanta que os prezos de venta sexan superiores aos custes de produción, que foi rexeitada polo PP.
Acusou ao goberno galego de “seguir de costas a tantas familias” que dependen do sector da carne e reclamou que “abandonen a demagoxia e sexan parte da solución ao abandono que senten os gandeiros dende fai moitos anos”. Denunciou que, nun contexto “insoportable e inviable para a gandería galega tradicional” a única resposta do Executivo sexa “pospoñer a toma de decisións, esperando un efecto máxico dun plan do sector cárnico que non acaba de chegar”.
O responsable socialista reclamou a posta en marcha sen demora dun observatorio de prezos público “para poder contar con referentes claros”, ademais de “impulsar contratos homologados con prezo estipulado e superior aos custes de produción”. Propuxo ademais a posta en marcha dunha lonxa de gando dixital, “como ferramenta que dote de transparencia a venda do gando”, e que permita “modernizar as estruturas de compra – venda” e acotar a forza dos intermediarios.
Emendas aos Orzamentos
Instou ao goberno galego a aceptar as emendas presentadas polo Grupo Socialista ás emendas aos orzamentos de 2022, poñendo en marcha unha liña de axudas excepcional que complemente os 7 millóns de euros que utilizaron dos fondos europeos, pero que foron insuficientes para paliar os 18 millóns de perdas do sector só na covid.
Lembrou que a Xunta malogrou os ata 24 millóns de euros daqueles fondos que podían ter aproveitado para a carne mentres destinaban os fondos do Igape para outros sectores como o do viño. Sinala que “agora sabemos que ditas axudas son claramente insuficientes, e teñen na súa man complementar esta cantidade con fondos propios” a través dun plan específico para o dimensionamento das explotacións de vacún dentro das novas axudas de desenvolvemento rural.