A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, reclamoulle hoxe á Xunta que consolide a Cidade da Cultura como “un espazo de creación e non só de exhibición”. A responsable socialista interveu na comparecencia do secretario xeral de Cultura para presentar o II Plan Estratéxico da CdC, ao que lle reclamou que “pasen das palabras aos feitos” para dotar de contido e dun sentido cultural ao complexo do Gaiás.
Díaz criticou que o goberno compareza para presentar o dito Plan antes de llelo ter remitido aos grupos parlamentarios e mesmo antes de facelo público “máis alá da nota de prensa que emitiron logo do Consello da Xunta de onte”, co que “dificilmente poderemos debater con vostede” nun debate no que “nos obrigan a vir espidos”. Reclamoulle que fixera público o documento e anunciou a petición do mesmo pola vía formal do artigo 9 do Regulamento.
Reclamoulle á Xunta que cumpra cos seus anuncios, en liña das demandas feitas durante estes anos polo Grupo Socialista, para descentralizar a actividade da CdC “de maneira que toda Galicia poida beneficiarse da súa actividade”. Á vez, dixo, que “exportar a súa produción a outros centros culturais”.
A responsable socialista alertou da “obsesión polos números” amosada polo goberno galego, que centra boa parte da súa estratexia na cuantificación de visitantes ou actos programados, o que resulta “discordante co suposto obxectivo de converter ao Gaiás nun centro de creación”. Sinalou que “a meta ten que ser acadar unha cada vez máis e mellor creación, en lugar de acadar ter cada vez máis visitantes”.
A parlamentaria socialista puxo en dúbida a indefinición das supostas sinerxías da CdC co Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia –SUG- ou á Axencia para a Calidade do SUG, o Centro de Ciberseguridade de Galicia ou o Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras no Ámbito Sociosanitario.
Ademais, reclamou empregar a CdC como mecanismo de impulso ás residencias creativas “que se alonguen no tempo”, para que sexan desenvoltas ao longo do ano e “máis alá do carácter estacional”, e alertou do risco de que a actividade do ente poida supoñer “un desmantelamento ou esquecemento de infraestruturas culturais que existen na cidade, como o CGAC”.
A parlamentaria socialista esixiu transparencia dos contratos desenvoltos pola Cidade da Cultura, e que expliquen o reparto do investimento de 30 millóns de euros, e preguntoulle ao secretario xeral se o orzamento da CdC “continuará sufragando os gastos dos centros que nada teñen que ver coa cultura” e que están instalados no complexo.