Paloma Castro aplaude o consenso da Cámara galega para instar á Xunta a iniciar “coa máxima urxencia” os trámites para a construción dun novo centro de saúde no municipio
O Parlamento aprobou a iniciativa socialista para instar á Xunta a incorporar máis persoal no Centro de Saúde de Ponteareas e tomar medidas contra as listas de agarda. Ocorreu, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento, onde os tres grupos parlamentarios votaron a favor dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste sentido.
“Os veciños e veciñas do Condado non son alleos aos recortes na sanidade pública e levan anos reclamando unha mellora na atención sanitaria”, reivindicou a deputada pontevedresa Paloma Castro ao alertar de que, nesta comarca na que residen, aproximadamente, 42.000 habitantes, faltan médicos xerais, pediatras, persoal de enfermería e matronas, xa que “non se contratan novos profesionais e tampouco se cobren as baixas”.
Isto provoca, lamentou, “situacións terribles” como o acontecido hai unhas semanas cando “por un imprevisto, un médico do centro de saúde non puido ir ao seu traballo e atopáronse coa sala de agarda “chea de xente”, ante o cal “tivo que acudir unha profesional doutra área sanitaria a atender a estes pacientes”.
LISTAS DE AGARDA “ALARMANTES”: DE TRES SEMANAS A UN MES
Neste sentido, lembrou tamén o peche do PAC en horario de tarde durante a temporada de verán “porque non se cubriron as vacacións e non había ninguén para atender aos pacientes”. “Esta falta de persoal, ademais de desatención, provoca unha alarmante lista de espera para obter unha cita, mesmo telefónica, que tarda unha media de tres semanas”, alertou. Uns tempos que se incrementan ata o mes ao pedir unha analítica ou outra proba diagnóstica.
“Os veciños desta comarca non poden máis e, por iso, levan meses saíndo a rúa”, sinalou a socialista quen lamentou que Xunta e PP neguen este problema. “Son uns negacionistas da sanidade pública; non da privada, esa gústalles máis”, sentenciou.
“NON CUMPRE COS ESTÁNDARES DE CALIDADE MINIMAMENTE ESIXIBLES”
Neste marco, Castro aplaudiu o consenso da Cámara galega tamén á súa proposta de instar a Xunta a iniciar “coa máxima urxencia” os trámites para construción dun novo centro de saúde no municipio “que dea un servizo en condicións” cando a infraestrutura actual “non cumpre cos estándares de calidade minimamente desexables” para un centro de saúde.
Así, a dirixente socialista enumerou as “eivas” do inmoble que dispón de consultas e salas de espera “sen ventilación” e “sen espazo suficiente”; carece de salas diferenciadas e habilitadas para a realización de probas diagnósticas; e ten unha zona de urxencias “cun espazo tan reducido que se atopa totalmente colapsado”, o que “fai imposible illar aos pacientes sospeitosos ou confirmados por covid”.
“O goberno galego ten que atender as demandas deste territorio, xa que estamos a falar dun dereito básico como o é o acceso a unha atención sanitaria digna e de calidade”, urxiu a socialista, cando “agora xa se prevé a sexta onda da covid e vainos coller cos centros cheos, baixas sen cubrir e persoal esgotado”. “Tomen medidas porque o desenlace non pinta ben”, concluíu.