A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de reclamarlle á Xunta que se comprometa coa continuidade da Plan de xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Lousame logo da fin da concesión prevista para o ano 2023. Castro lamentou o voto en contra do PP á moción neste sentido que presentou hoxe no Pleno do Parlamento.
Castro sinalou que “a Xunta ten que implicarse no mantemento da planta de Lousame, e investir en I+D+i co fin de acadar melloras técnicas que permitan unha xestión máis eficiente dos residuos”. Alertou de que coa súa negativa, o goberno galego “pode perder a oportunidade aberta grazas ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”, que conta cunha liña específica orientada á xestión dos residuos municipais en liña coas prioridades marcadas pola UE.
Acusou ao goberno galego de “levar anos discriminando e facendo mala prensa á planta de Lousame”, ata o punto de auspiciar un informe “de parte” dende a dirección xeral de Calidade Ambiental “afirmando falacias” para “desprestixiar á empresa”. Sinalou que a Xunta “quere facer de Lousame unha planta de transferencia de Sogama, o que suporía botar á rúa moitos traballadores e que os concellos derivaran a súa xestión á planta de Cerceda”.
Lembrou a importancia da planta, que mantén 170 postos de traballo, supón un dos principais motores económicos da comarca e ademais fai palidecer os resultados de reciclaxe de Sogama. Lousame, dixo, recupera 8.000 toneladas de refugallos inorgánicos e 2.000 de materia orgánica ao ano, superando con creces a media galega ao reciclar o 37 por cento dos residuos que chegan ás instalacións, máis do dobre da media galega -15 por cento-.
Paloma Castro defendeu unha xestión “rexida polos principios de autosuficiencia e proximidade, unha rede integrada de instalacións de carácter comarcal ou provincial para a valorización de residuos”. Sinala que a propia conselleira recoñeceu hai días que “Sogama non chega para cumprir as esixencias europeas”, e incluso coas plantas de biorresiduos de Cervo, Verín e Vilanova de Arousa segue sen ser suficiente.
Defendeu que “a Xunta ten que potenciar as plantas xa existentes, como o caso de Lousame”, colaborando ademais na modificación das infraestruturas para incrementar a reciclaxe e mellorar o tratamento orgánico dos residuos biolóxicos e así reducir a eliminación en vertedoiro. Reclamou que “aseguren a permanencia desta planta e o mantemento dos postos de traballo, ao tempo que colaboren para buscar procesos ou sistemas para a valorización destes refugallos”.