O parlamentario do PSdeG defendeu no pleno do Parlamento unha batería de medidas para que a Xunta oriente as súas políticas a corrixir as crecentes fendas económicas e sociais en Galicia
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, lamentou hoxe o voto en contra do Partido Popular á moción do PSdeG para reclamarlle á Xunta un plan galego de loita contra a pobreza e un plan extraordinario de loita contra a desigualdade. Juan Carlos Francisco Rivera defendeu estas dúas medidas dentro dun conxunto de propostas para que as políticas da Xunta se orienten a acadar unha maior cohesión económica, social e territorial como base para a corrección das crecentes desigualdades existentes en Galicia.
Para evidenciar esta situación, o deputado socialista puxo o acento no aumento dos índices de exclusión social na nosa comunidade, que presentan datos cada ano máis alarmantes. Así, segundo o último informe da Rede Galega Contra a Pobreza, a día de hoxe hai 694.000 galegos en risco de pobreza: son 38.000 máis que no ano 19 e 2,7 puntos máis que no ano 18. A maiores, enfatizou, Juan Carlos Francisco, existen 254.000 persoas en situación de pobreza severa, é dicir, que gañan menos 535 euros ao mes.
Ademais do empeoramento das rendas dos galegos e galegas, o parlamentario do PSdeG tamén alertou na fenda do sistema educativo, no que “o despido de 800 docentes ao inicio deste curso non axuda precisamente a incidir na igualdade de oportunidades”.
Por outra banda, advertiu dunha política fiscal que “beneficia ás rendas máis altas en lugar de afondar na progresividade e na equidade”, da feminización da pobreza, da brecha salarial entre homes e mulleres ou das dificultades de acceso á vivenda para 320 mil mozos e mozas de Galicia.
A isto súmase unha poboación envellecida, “na que o 52,8 por cento dos pensionistas están por debaixo do limiar da pobreza e o 22,1 por cento por debaixo do da pobreza severa”. Finalmente, chamou a atención tamén sobre a desigualdade en función do territorio no que se vive, “xa que as persoas que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes ingresan de media 7.000 euros menos que os que o fan nunha vila grande ou nunha cidade”.
A XUNTA DEBE “REACCIONAR”
Fronte a este escenario, Juan Carlos Francisco chamou á Xunta de Galicia “a reaccionar”. Con ese obxectivo a proposta do PSdeG recollía unha batería de medidas destinadas a loitar contra a pobreza e a desigualdade.
Polo miúdo, a proposta solicitaba incrementar as transferencias a familias en risco de exclusión social mediante o establecemento dun plan extraordinario de loita contra a desigualdade económica cun importe mínimo de 8 millóns de euros.
Tamén reclamaba un plan galego de loita contra a pobreza que dese conta dos novos perfís de persoas usuarias de Servizos Sociais e que se dotase con medidas e partidas económicas transversais que implicase todas as consellerías. En paralelo, solicitaba modificar a Risga para compatibilizar a súa percepción co Ingreso Mínimo Vital.
No eido fiscal, a proposta socialista pasaba por incrementar a tributación para as rendas máis altas, na procura dunha maior equidade e progresividade, como mecanismo axeitado para acadar a redistribución de rendas.
FORTALECER O SISTEMA EDUCATIVO E UN PLAN DE VIVENDA DIGNA
Asemade, demandábase fortalecer o sistema educativo galego como instrumento fundamental para garantir a igualdade de oportunidades, recuperando a contratación de 800 docentes adicionais eliminados no Proxecto de orzamentos previstos para o ano 2022.
Canto á vivenda, Juan Carlos Francisco reclamaba un plan de vivenda digna, adecuada e accesible. Nesta liña, avogaba por unha estratexia orzamentaria que permitise multiplicar por tres o parque de público de vivenda para aluguer social en Galicia.
Tamén se solicitaba un incremento considerable nas partidas de I+D+i nos dous próximos orzamentos, ate acadar unha porcentaxe do 1,50% do PIB, ou impulsar dende o Instituto Galego de Consumo e da Competencia unha estratexia de galega de Alfabetización Dixital dirixido especialmente a colectivos en risco de exclusión social.
Por último, a proposta socialista reclamáballe á Xunta impulsar programas de autoemprego por medio de actuacións de orientación, análise de viabilidade e dos novos incentivos e incrementar os niveis de execución orzamentaria das políticas activas de emprego.