Urxe ao goberno galego a pór en marcha o plan contra a violencia machista “centrado na prevención e na educación” ante o incremento da violencia machista e sexual
A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, chamou á Xunta a impulsar un protocolo de actuación, no marco das competencias autonómicas, para orientar as políticas públicas en materia de servizos sociais, sanidade, seguridade ou igualdade cara á abolición da prostitución. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento na defensa dunha proposición non de lei, que se votará mañá, ante o “problema estrutural” da violencia machista.
“É hora de pasar á acción”, incidiu a voceira socialista antes de urxir ao goberno galego a elaborar “estratexias comúns de actuación” para que calquera muller en contexto de prostitución que acuda, por exemplo, a un centro médico ou a unha cita cunha traballadora social “conte de inmediato co asesoramento e asistencia de profesionais que lle mostren os distintos recursos que dispón para poder abandonar este contexto no que é prostituída”.
Ao fío disto, a dirixente socialista instou ao goberno galego a dirixirse ao goberno de España para impulsar un marco normativo orientado cara á abolición da prostitución e, ao tempo, buscar un “maior consenso político e social” para renovar o Pacto de Estado contra a violencia de Xénero cando este se demostrou como “unha valiosísima ferramenta de soporte e coordinación” nesta materia.
Ademais, fronte ao forte incremento da violencia machista, Díaz urxiu á Xunta a pór en marcha, no primeiro trimestre de 2022, un plan urxente contra a violencia machista, “centrado na prevención e na educación”, de xeito que inclúa campañas de información e sensibilización con recursos para a súa identificación e servizos dispoñibles aos que acudir en caso de ser vítima.
“Temos que garantir cubrir todo o noso territorio de recursos dispoñibles para mulleres vítimas ou que precisen asesoramento do tipo que sexa”, sinalou a socialista, tal e como leva reclamando o Grupo Parlamentario “dende hai moito tempo”.
Ademais, a deputada socialista pediu incrementar os programas de formación en igualdade e prevención da violencia machista en todos os ámbitos, valorando incluso a súa obrigatoriedade no sanitario, a educación ou a xustiza.
“ESCASA” EFICACIA DO OBSERVATORIO
Por último, instou ao Observatorio Galego de Violencia de Xénero a que realice un “informe urxente” para avaliar a situación actual de Galicia sobre a violencia machista propoñendo novas medidas dirixidas á prevención e erradicación desta violencia, así como accións no ámbito educativo. “Non dubidamos do traballo que poida facer o Observatorio, pero si pensamos que a súa eficacia non é a debida”, sinalou a voceira ao censurar a “escasa ou nula transparencia” da súa actividade.
“PREOCUPACIÓN” POLO INCREMENTO DOS CASOS DE VIOLENCIA MACHISTA
Por último, Díaz amosou a súa “preocupación” polo incremento de violencia machista cando, a día de hoxe, 37 mulleres foron asasinadas e 5 menores foron vítimas de violencia machista. Así, destacou os datos do TSXG que apuntan a un aumento do 18% de vítimas de violencia machista durante o primeiro trimestre de 2021 e cando o propio Fiscal Superior de Galicia advertiu de que “cada día se incoan nos xulgados galegos 17 novos procedementos” por esta causa.
“Contra o machismo non serven as boas vontades; contra o machismo, contundencia e valentía que é o que pedimos”, concluíu.