O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou hoxe o voto do PP en contra dunha proposta presentada polo PSdeG no Parlamento para pedirlle á Xunta que modificara o Plan Sectorial Eólico de Galicia para protexer as terras de alto valor agrogandeiro da comarca de Ordes. O responsable socialista reivindicou un novo modelo eólico que compaxine o desenvolvemento do sector coa protección do territorio.
Seco levou unha proposición non de Lei á Comisión de Agricultura celebrada hoxe para reclamarlle á Consellería do Medio Rural que actúe “defendendo as terras declaradas de especial interese agrario, concentracións parcelarias e solo rústico de especial protección agropecuario ante as instalacións de novos parques eólicos”. A proposta foi rexeitada polo, que se negou a quitar as terras da comarca de Ordes das Áreas de Desenvolvemento Eólico.
Seco levou ao Parlamento as demandas dos concellos da Mancomunidade de Ordes, incluíndo aqueles gobernados polo PP, que hai máis dun ano se comprometeran de forma conxunta a rexeitar os proxectos de parques eólicos dentro da comarca. A instalación dun gran número de muíños eólicos de nova xeración, de 200 metros de altura, e as liñas de alta tensión que conlevan “poderían afectar gravemente a este espazo agroecolóxico”.
Sinalou que “non é de recibo ter apostado e investido tanto pola concentración parcelaria” que afecta a gran parte do territorio da comarca de Ordes para “logo convertela nun polígono industrial”. Sinalou o caso do concello de Mesía, onde tanto a cidadanía como o concello a través das alegacións técnicas presentadas á Xunta, téñense oposto frontalmente ao proxecto do parque eólico Gasalla.
Sinalou que precisamente este parque terá aos seus pés ao maior produtor ecolóxico de Galicia, como é a Casa Grande de Xanceda, neste mesmo Concello, que ficaría como unha explotación de gando en extensivo cunha subestación eléctrica ao seu carón. Algo semellante sucede co LIC Río Tambre, un espazo protexido afectado polos muíños de vento, que invadirían a reserva da biosfera das mariñas coruñesas e terras do mandeo, e mesmo a variante inglesa do Camiño de Santiago.
Plan sectorial desfasado
Martín Seco emprazou ao goberno galego a implantar un novo modelo eólico transparente e participativo, desenvolto de xeito planificado e que permita a implantación da enerxía eólica de xeito ordenado pero sen paralizar ao sector. Advertiu de que o goberno galego ten logrado espallar a incertidume en todo o rural galego pola proliferación de proxectos eólicos para agora frear en seco o sector eólico a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos.
Esta modificación normativa, dixo, en lugar de compaxinar o desenvolvemento do sector coa protección do territorio, provocará unha parálise do eólico nos próximos 4 ou 5 anos, co risco de que Galicia “perda o tren da explotación da enerxía renovable”. Reivindicou que aproveiten a moratoria de 18 meses incorporada á Lei para “sentarse e falar cos axentes para cambiar un plan sectorial desfasado e planificar a instalación de renovables protexendo ao territorio.
Seco animou ao goberno galego a admitir as demandas presentadas polo grupo socialista de acordo cos sectores implicados, como fixo ao comezar a poñer en funcionamento oficinas de información aos concellos afectados polos proxectos eólicos, a creación de rexistros dos contratos entre promotores e propietarios, a protección dos humidais ou, agora, ao aumentar a distancia dos muíños eólicos ás vivendas.