O voceiro parlamentario do PSdeG chama á Xunta a utilizar “o dobre aumento” do 30% nos fondos europeos para a Xunta e no investimento en Galicia dos PGE como “motor da reconstrución da Galicia poscovid”
Gonzalo Caballero reafirma o seu “compromiso inquebrantable” con Galicia e co Parlamento e garante que seguirá “traballando polos galegos e as galegas”
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta “valentía para orientar o futuro en vez de apatía para xestionar o presente”.
Fíxoo durante a sesión de control ao presidente da Xunta no Parlamento, onde Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que aproveite o dobre incremento do 30%” dos fondos que chegan a Galicia “como principal motor de construción dunha nova etapa poscovid”. Aludiu así ao 29% máis que Galicia recibirá na inversión territorializada dos orzamentos do Estado e ao 31% adicional de fondos europeos que se destinarán aos orzamentos da Xunta; cuestións ás que o PP vota en contra no Congreso.
“Comprométase coa modernización, coa cohesión, coa equidade, e póñase a gobernar en vez de dicir ‘pasalabra’ ante cada un dos retos fundamentais do país”, demandou Gonzalo Caballero a Feijóo, consciente de que a reactivación económica ten que ser a principal prioridade do goberno galego.
Nese senso, requiriu a Feijóo que “traballe para a modernización da economía, o fortalecemento dos servizos públicos e a xeración de emprego de calidade” no noso país.
“COMPROMISO INQUEBRANTABLE CON GALICIA”
Pola súa banda, Gonzalo Caballero reafirmou o seu “compromiso inquebrantable” con Galicia e co Parlamento. Por iso, “dende logo, vou seguir trasladándolle á Xunta todas aquelas propostas e medidas para unha adecuada xestión dos recursos existentes que favoreza aos galegos e as galegas”. “Nós imos estar defendendo aos galegos e ás galegas”, remarcou.
Con ese obxectivo, Gonzalo Caballero subliñou que “esta saída da crise hai que facela pola esquerda, con políticas de progreso e aproveitando as posibilidades de investimento que dan os 140.000 millóns de euros de fondos europeos” conseguidos polo goberno de España en virtude dunha política diferente á dos recortes e dos axustes “que quería Feijóo”. Neste contexto, instou ao presidente da Xunta a xestionar os fondos que lle chegan da Unión Europea e do Goberno central “coa maior eficiencia e capacidade para que ninguén quede atrás”.
Ao fío disto, o voceiro parlamentario do PSdeG advertiu da deficiente xestión da Xunta dos fondos europeos que chegaron a Galicia nos últimos anos e dos que, segundo o último informe do Consello de Contas, se deixaron sen executar catro de cada dez euros. Por iso, reclamou a Feijoo que explique “como vai facer agora para deixar a execución nun nivel axeitado aos retos que temos por diante”.
“MÁXIMOS HISTÓRICOS”
En concreto, o portavoz do PSdeG na Cámara recordou que hai un dobre incremento do 30 por cento dos fondos que chegan a Galicia vía orzamentos do Estado e vía fondos europeos nos orzamentos da Xunta, que inclúen 500 millóns de euros que se van incorporar a través do mecanismo de recuperación e resiliencia no 2022.
Ante este “máximo histórico” de posibilidades de investimento, incidiu Caballero, o goberno galego ten que “aprender a xestionalos”. Porque ata o de agora, reseñou, Feijoo só fala de baixar impostos, “sobre todo aos máis ricos”, e non de como xerar emprego de calidade, modernizar a economía ou apuntalar os servizos públicos.
“Hai que garantir un uso eficiente e equitativo deses fondos para fortalecer a saída da crise”, advertiu Gonzalo Caballero.