O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou hoxe a EU-SON Porriño “a impedir o retroceso dun goberno municipal do PP” despois de que esta formación anunciase que, nos vindeiros días, volverá reunirse co PP para abordar os termos dun acordo para facilitar unha moción de censura no concello.
“Quero facer un chamamento a EU-SON Porriño para que ningún voto da esquerda sexa utilizado para darlle a alcaldía ao PP”, sentenciou o socialista quen sinalou que “quen empregue os votos de esquerda para dar unha alcaldía ao Partido Popular quedarán marcados diante da cidadanía”.
Neste senso, Gonzalo Caballero destacou que “as e os cidadáns que votaron ás forzas de esquerdas no Porriño non queren que eses votos sexan utilizados para unha moción de censura que é un fraude ao progreso do concello para colocar de novo ao PP ao fronte da alcaldía”.
“O PP do Porriño é ben coñecido pola súa historia caciquil”, incidiu o responsable socialista logo de sinalar que “non é de recibo que se poidan manipular os votos dos porriñeses e porriñesas para darlle unha alcaldía ao Partido Popular de Galicia”.
Por todo isto, Gonzalo Caballero instou ás concelleiras de EU-SON Porriño a “poñer o interese xeral por riba das súas opcións persoais e impedir que goberne o PP” e máis cando “Esquerda Unida en Galicia sinalou e ten claro que non se pode poñer a alcaldía do Porriño en mans do PP”.