O voceiro parlamentario subliña que “seguimos á espera” de cuestións como o novo modelo de residencias, a “blindaxe” do persoal de reforzo na sanidade e a educación públicas ou as “respostas aos grandes problemas industriais de Galicia”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que o goberno de Feijóo está “superado” polas circunstancias “sen ambición nin estratexia nin planificación para abordar os retos do país” despois de máis dun ano de lexislatura e ante a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2022.
“A Xunta déixase levar pola inercia e a inacción dicindo ‘pasapalabra’ en cada un dos asuntos fundamentais do noso país”, sentenciou o portavoz socialista na Cámara galega.
Así, incidiu Gonzalo Caballero, “se analizamos o que ocorre co emprego e coa industria, o goberno galego responde ‘pasapalabra’. Se miramos para o medio rural e os problemas de impulso demográfico, temos o goberno do ‘pasapalabra’. Se estudamos a situación dos servizos públicos e a falla de compromiso co emprego na sanidade e a educación públicas, o goberno galego di ‘pasapalabra’.
No mesmo senso, remarcou que “se vemos o que ocorre coas novas competencias da Xunta, Feijóo di ‘pasapalabra’”. “E se miramos os orzamentos da Xunta, estes orzamentos son os orzamentos do ‘pasapalabra’”, resumiu.
Ao fío disto, reprobou que cando é “máis necesario” que o goberno galego exerza a súa capacidade lexislativa, “tome decisións” e “faga uns orzamentos pensando na saída da crise” da covid, “Feijóo di ‘pasapalabra’ a todos os asuntos importantes, sen iniciativa, sen concreción e sen orzamentos á altura do que Galicia necesita”.
“SEGUIMOS Á ESPERA” DO GOBERNO GALEGO
De feito, o voceiro parlamentario do PSdeG destacou que “seguimos á espera” de múltiples cuestións como o novo modelo de residencias ou o incremento do número de prazas nestas “con todas as garantías”, da “blindaxe” ao persoal sanitario e educativo que houbo que contratar durante a pandemia “e que agora está despedindo” ou tamén de “respostas aos grandes problemas industriais en Galicia”.
Neste marco, criticou que “Feijóo prefire estar dicindo que baixa os impostos” cando ten “uns orzamentos moi potentes” en virtude do compromiso do goberno de España; unha cuestión que atribuíu a que “non sabe como orientar os orzamentos para saír desta crise e fortalecer á cidadanía galega”.
“O GOBERNO DA XUNTA NIN ESTÁ NIN SE LLE ESPERA”
“Estamos preocupados porque vemos que o goberno da Xunta nin está nin se lle espera”, xa que se atopa “nunha política de autobombo” e “autoloubanza”, criticou Gonzalo Caballero.
Fronte a iso, reclamou ao executivo galego “uns orzamentos de progreso que fortalezan os servizos públicos en sanidade e educación públicas, que aposten pola mocidade e que dean solución aos grandes problemas do noso país”. “É o momento de apostar pola reactivación”, concluíu.