Denuncia as “brutais agresións” acontecidas nos últimos días nas cidades de Vigo e Lugo: “é imprescindible que o goberno galego poña en marcha todas as ferramentas normativas necesarias para combater os delitos de odio”
A portavoz de LBTBI do Grupo Socialista, Noelia Otero, urxiu á Xunta a tomar medidas ante o aumento de casos de acoso e agresións de odio contra o colectivo LGTBI cando “día tras día” coñecemos “novos casos de LGTBIfobia” como o “terrible” asasinato de Samuel Luiz ou as “brutais agresións” acontecidas nos últimos días nas cidades de Lugo e Vigo.
Ao fío disto, a responsable socialista denunciou as “actitudes violentas que causan un gran sufrimento ás vítimas e que, en moitos casos, nin se chegan a denunciar, están alentadas e precedidas polos discursos de odio, especialmente cando estes se institucionalizan ou normalizan no ámbito público”.
“Nun país democrático, os discursos de odio, e en especial as agresións cara ao colectivo LGTBI non poden ter cabida”, sentenciou. Por iso, ante esta situación, sinalou, é “preciso” que, dende todos os ámbitos e institucións, “se dea visibilidade e apoio público e institucional ao colectivo e aos seus dereitos como cidadáns e cidadás”.
Con todo, destacou Otero, “é imprescindible” denunciar as agresións e poñer en marcha, dende o goberno galego, “todas as ferramentas normativas necesarias para combatelas”, entre elas, dotar de “contido, recursos e actividade regular ao Observatorio Galego” contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.
Segundo os datos facilitados polo Ministerio do Interior, os delitos de odio denunciados aumentaron de 1.172 en 2013 a 1.706 en 2019 e, concretamente, os que atinxen á orientación sexual experimentaron un incremento do 8,6%.