A parlamentaria socialista Marina Ortega reclamoulle hoxe ao presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, que sexa responsable diante do reto da reconstrución da provincia. Así o dixo na comparecencia de Baltar diante da Comisión de Orzamentos do Parlamento, onde lle lembrou o “informe demoledor” elaborado polo Consello de Contas alertando de prácticas irregulares nas finanzas do ano 2018.
Ortega sinalou hoxe que logo de 42 anos de goberno do PP na Deputación “Ourense é unha das provincias cos peores parámetros de España”, e sinalou o desleixo do ente provincial para mudar a situación de despoboamento da provincia, así como a caída da natalidade, a emigración e a fortaleza do tecido produtivo.
Ortega sinala que “os negocios seguen a baixar a persiana, o comercio sobrevive a duras penas, e a industria segue sen contar co apoio da administración provincial” mentres a Deputación repartía “a dedo” o 84 por cento das subvencións e contratos, o 70 por cento para beneficiar a “cinco empresas ligadas a alcaldes e cargos do PP de Ourense”.
Aquel informe constata “millóns en créditos non orzamentados –con modificacións de 30 millóns de euros de crédito detectadas-, facturas fora de prazo, subvencións sen control e contratos a dedo”. Ademais, sinalou, contratos licitados a través de Mesas de Contratación onde o Consello de Contas pon en dúbida a imparcialidade dos seus membros ao non constar declaracións asinadas de ausencia de conflito de intereses”.
Engadiu o “modus operandi” na contratación do persoal, onde “o 71 por cento da plantilla da Deputación é persoal laboral e onde a inmensa maioría correspóndese con familiares directos de cargos do PP”. Este persoal, dixo, “ademais recebe gratificacións de xeito extraordinario a vontade da Presidencia, sen a máis mínima regulación a respecto dos incentivos que perciben, nin o máis mínimo control sobre a existencia de conflito de intereses”.
Marina Ortega reclamoulle ao presidente da Deputación de Ourense que siga o exemplo dos seus homólogos nos outros tres entes provinciais galegos e aprobe, conxuntamente co novo orzamento para 2022, un Plan Único de Cooperación, no que un terzo do orzamento se distribúa de xeito equitativo, obxectivo e xusto entre os concellos da provincia.
Ademais, solicitou que no orzamento de 2022 suplementen as partidas do Plan de Obras Provincial con criterios obxectivos, tendo en conta por exemplo a poboación dos conellos. Ademais, reclamou “criterios obxectivos e de concorrencia competitiva na adxudicación das subvencións públicas da Deputación”, tal e como recomenda o Consello de Contas, que tamén recomenda publicar no Portal de Transparencia a información esixida sobre contratos, subvencións e convenios”.