Leticia Gallego censura a inacción da Xunta en materia industrial cando “ten competencias” e mentres “as empresas galegas están marchando cara a Portugal” pola falla de xestión do goberno galego
O PP bloquea a promoción de solo industrial en Vigo. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Industria do Parlamento votando en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista que instaba a revisar o Plan sectorial de Áreas Empresariais de Galicia para incluír novas actuacións e ampliar as existentes.
A deputada viguesa Leticia Gallego censurou a inacción da Xunta de Galicia en materia industrial cando “non cumpre o que di o Estatuto de Autonomía” que lle atribúe as competencias neste eido. “Póñanse a traballar en política industrial dunha vez”, subliñou, e máis “cando as empresas galegas están marchando cara a Portugal por culpa do goberno de Feijóo”.
Neste senso, a responsable socialista sinalou que está sendo o goberno de España, a través de Zona Franca de Vigo, que está creando solo urbano na cidade de Vigo. “Defendan á cidade de Vigo e deixen de estar na súa contra”, incidiu, xusto cando sectores como o naval ou a automoción “están pasando serios problemas”.
“Feijóo e o seu goberno foron en seguen sendo unha calamidade para Vigo”, criticou a socialista quen lamentou que nos orzamentos da Xunta “non exista, nos últimos anos, ningunha partida para crear solo industrial en Vigo”.
Con todo, censurou a actitude da Consellería de Medio Ambiente que, a principios do mes de xuño, “indicou que a modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas de Galicia permitiría, entre outras actuacións, a ampliación do polígono industrial de Balaídos en máis de 166.000 metros cadrados”.
Por todo isto, Gallego instou ao goberno galego a que “asuma” a promoción de solo para actividades produtivas en Vigo e que “participe” na renovación das implantación empresariais existentes na cidade, “mellorando accesos, servizos, integración, eficiencia e calidade do tecido industrial actual”.
O PXOM: “TEN CONSENSO SOCIAL E SEGURIDADE XURÍDICA”
En canto ao PXOM, a responsable socialista defendeu que se trata dun documento “equilibrado entre territorio e actividades produtivas e residenciais” que ademais é “froito da maior participación cidadá e conta co apoio de sete de cada dez vigueses”. “Ten consenso social e seguridade xurídica” e, ademais, “responde ás necesidade de Vigo para os próximos 20 anos”.