O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Consellería de Sanidade que poña en marcha un Plan Extraordinario “de verdade” para liberar a conxestión que está a disparar as listas de espera, deteriorando a calidade asistencial. Torrado presentou unha pregunta oral na que acusou ao goberno galego de “vender actuacións xa previstas e chamalas Plan cun truco orzamentario”.
O responsable socialista reivindicou unha medida “realmente extraordinaria” con investimento adicional ao que xa ten previsto o goberno galego e que emprega para “envolver titulares en papel bonito”. Sinalou que os hospitais “non poden reducir a súa actividade ao mínimo a partir das 15,00”, e “temos pacientes que necesitan ser operados, temos recursos materiais e profesionais dispostos a asumilo, pero non o fan porque é un custe extraordinario”.
Alertou da urxencia de asumir “unha aportación extraordinaria, porque vivimos situacións extraordinarias”, como quedou claro durante a pandemia do coronavirus, e que ademais permitiría resolver a saturación das listas de espera. Sinalou que o goberno galego, pola contra, presenta uns Orzamentos que reducen as partidas para Atención Primaria, un “erro gravísimo” que contribúe a “saturar e dificultar a atención hospitalaria”.
Afeoulle ao goberno galego que en lugar de reforzar e manter o esforzo dos anos da pandemia, e dixo que “que fácil é presumir cando os investimentos os fai outra administración” as que o financiaban”. Agora continúan anunciando que renovarán “setecentos e pico” dos profesionais contratados, pero “non din que iso é o mesmo que dicir que non renovarán a 430 traballadores e traballadoras” que deixarán de traballar para o sistema sanitario galego.
Acusou ao goberno galego de “trucar” as listas de espera ao contabilizar tan só o tempo que transcorre dende que o propio Sergas incorpora ao paciente, pero sen incluír o tempo que pasa dende que solicitan cita ata que a persoa recibe a chamada. Esta práctica “falaz”, que ten denunciado en reiteradas ocasións o propio Consello de Contas, consiste en “agardar 6 meses ata que tes unha cita dentro de 2, co que a espera de 8 meses só contabiliza os 2 últimos”.