A parlamentaria socialista Leticia Gallego reclamoulle hoxe ao conselleiro de Educación unha explicación pola decisión de deixar sen cubrir a praza de traballadora social do Centro de Educación Especial Saladino Cortizo. Gallego presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamar a cobertura desta profesional, suprimida neste curso, e fundamental para o alumando, o profesorado e os pais e nais.
A responsable socialista sinalou que a comunidade educativa do centro está a demandar este servizo “pois o seu traballo é específico no campo da educación e dos servizos propios para os rapaces e rapazas en idade escolar”. Explica que constitúe un “engrenaxe do sistema, á hora de detectar as eivas en primeiro lugar e anticiparse aos problemas moitas veces evitando o sufrimento ao alumnado e permitindo saídas ordenadas aos problemas”.
Gallego interveu antes de reunirse cos pais e nais do centro para participar na recollida de sinaturas para reclamar a cobertura dunha praza “decisiva, que foi dende sempre un apoio para as familias, sen a cal a metade do traballo que se realiza quedaría sen efecto”. Sinala que os pais e nais “non entenden” que o pasado 29 de xullo a Consellería anunciara a supresión da praza, que o 31 de xullo si que estaba incluída na Relación de Portos de Traballo, aínda que deserta.
Lembra que o Saladino Cortizo ten 110 alumnas e alumnos que proceden de 16 concellos diferentes de todo o sur de Pontevedra, e que carecen do apoio que nos centros ordinarios poden brindar as ANPAs, e as axudas entre as familias son moi difíciles pola distancia, e precisamente onde radica a importancia do traballo da traballadora social.