O voceiro parlamentario do PSdeG denuncia que a Xunta “recorta en atención primaria e despide profesionais sanitarios e docentes mentres sube un 6,7% o gasto en asesores do PP”
O portavoz do Grupo Socialista require a Feijóo que “non deixe pasar a oportunidade dos orzamentos máis expansivos” e goberne con “empatía”, pensando “nos galegos e nas galegas que non chegan a fin de mes”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, interpelou hoxe a Feijóo no Parlamento sobre o xeito de abordar a reactivación de Galicia trala pandemia, para requirirlle que utilice “os orzamentos máis expansivos” da comunidade “na xente”.
“Señor Feijóo, ten a oportunidade de poñer aos galegos e ás galegas na súa prioridade, favorecendo unha saída da crise distinta a que fixo o PP trala gran recesión”, subliñou Gonzalo Caballero, crítico coas “políticas de axuste e de recortes no público” do PP na Xunta e o Goberno que provocaron “unha saída da crise máis lenta”.
Por iso, nun momento no que “o impulso da esquerda”, co goberno progresista de España á cabeza, promoveu en Europa “un novo Plan Marshall” que dá aos gobernos a posibilidade de “apostar por políticas keynesianas”, o voceiro socialista reclamou a Feijóo que “priorice o gasto público fronte aos recortes”.
Nesa liña, amosouse “preocupado” polas contas da Xunta para 2022. “Recortan en atención primaria e despiden centos de profesionais sanitarios e docentes contratados de reforzo pola pandemia, que son necesarios e precisan contratos estables”, remarcou, crítico con que, mentres, “sube un 6,7% o gasto en asesores do PP”.
Do mesmo xeito, o voceiro do PSdeG na Cámara reprobou que a Xunta “non prevé desenvolver un gran escudo protector para axudar á cidadanía” a pesares de que o INE reflicte que a pandemia motivou un aumento dun 25% das familias galegas que tiveron que retrasar os pagos das súas vivendas ou os seus recibos.
“Pensen nas persoas e cambien a súa forma de facer política”, reclamou Gonzalo Caballero a Feijóo, consciente de que o goberno galego “suspende cando esquece a defensa dos servizos públicos, a modernización da economía para facer avanzar o país e a xeración de emprego de calidade”.
Fronte a iso, o portavoz socialista insistiu a Feijóo en que “aproveite as posibilidades” que dá o aumento de fondos dispoñibles na facenda galega para facer “uns orzamentos para a xente”. “Ten máis de 2.000 millóns de euros extra para fortalecer ao país; non deixe pasar a oportunidade de facer avanzar Galicia”, sentenciou.
UN GOBERNO CON “EMPATÍA”
Ao fío disto, Gonzalo Caballero criticou que Feijóo “repite o mantra da baixada de impostos”, unha cuestión que pode aprobar debido aos fondos extra que veñen do goberno de España e para os cales “carece de orientación para reactivar Galicia”. Algo similar, dixo, ao que ocorre cos fondos europeos, xa que “o goberno galego vai sen rumbo” logo de negarse a pactar no Parlamento un mapa de prioridades.
Ademais, o voceiro do PSdeG no Parlamento advertiu a Feijóo que “xa non queda” quen defenda as políticas de axustes coas que “o PP errou na última década”, polo que sinalou a Feijóo que cómpre que se sume “ás políticas que priorizan ás persoas”.
“Non desbote as oportunidades que dan as políticas de progreso para facer avanzar Galicia. Pense nos galegos e nas galegas que teñen dificultades para chegar a fin de mes, para atopar un emprego, para conseguir unha cita médica… non goberne sen empatía”, requiriulle Gonzalo Caballero, sen deixar de incidir en que “os orzamentos máis expansivos” que tivo Galicia “teñen que chegar á xente”.