O parlamentario do PSdeG denuncia que a Xunta sigue apostando por un sistema no que prevalece o criterio económico sobre o sanitario
O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta a reversión por fases ao sistema público do sistema de transporte sanitario terrestre.
Con esta iniciativa -rexeitada polo PP no pleno do Parlamento de Galicia- o diputado socialista defendía que se reformulase unha xestión na que, a día de hoxe, “priman os criterios económicos sobre os sanitarios” e no que a Xunta se limita a “convocar un concurso e concederllo a quen pon un prezo máis baixo, non a quen o fai mellor”.
Esta situación, en palabras de Julio Torrado, “fai razoable pensar que temos un problema co modelo concesional que, en algunhas ocasións, conduce a problemas de consecuencia fatal”, como sucedeu na Estrada, en Dozón, en Celanova ou en Vigo. Ademais apuntou a “falta de recursos ou a unha mala distribución” en diferentes bisbarras de Galicia, o que provoca que “o sistema non funcione e se teña convertido nun escuro pozo sen fondo”.
De feito, Julio Torrado advirte de que na actualidade o sistema sostense grazas aos profesionais , “que fan un traballo extraordinario pero que están maltratados laboralmente coa conivencia da Xunta de Galicia”. “Son eles”, proclama Torrado, “os que manteñen o sistema en condicións leoninas”.
Por outra banda, Julio Torrado apuntou que o actual modelo é un dos “máis escuros e estraños que existen na consellería de Sanidade e no que averiguar canto destina a Xunta a pagar ambulancias é imposible”. Como exemplo, lembrou algúns “procesos estraños na última década” como cando se denunciou un concurso de ambulancias porque foi concedido a unha empresa que, días antes de coñecerse as condicións técnicas, xa tiña vehículos rotulados como se pedía no prego. “A empresa era propiedade de alguén do PP”, ironizou Torrado, “seguro que foi casualidade”.
En consecuencia, “vostedes apostan por darlle a concesión a unha empresa duns amigos, e nós apostamos porque volva ao sistema público”.
Neste contexto, Julio Torrado avogou por reverter ese sistema de maneira progresiva, tal e como se está a facer en diferentes comunidades autónomas, como Baleares, Navarra, Extremadura ou Canarias. “Non sería”, explicou o deputado socialista, “unha reversión de hoxe para mañá, pero si con algún tipo de transporte sanitario, como o programado, que é máis doado de organizar e que require menos dotación de recursos profesionais”.
En calquera caso, tras esa primeira fase, Julio Torrado apostou por continuar tamén coa reversión aos sistema público do transporte de urxencias, “pero somos conscientes de que é máis complexo e hai que pensar que pasa con ese persoal”.
Mentres isto non se leva a cabo, o voceiro de sanidade do PSdeG tamén reclamou que se cumpra a normativa mediante a que se realiza a concesión para que o servizo sexa o máis eficiente posible. “A día de hoxe é evidente que non se cumpre” sinalou Torrado, antes de engadir que “así o confirman tamén os traballadores”.