A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, reclamou hoxe unha nova estratexia de xestión do patrimonio cultural de Galicia “na que prime a planificación, protección, salvagarda e difusión do noso patrimonio cunha política transversal”. A responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento celebrado hoxe na Cámara autonómica na que propuxo un Plan Autonómico Patrimonial de Galicia con dotación orzamentaria, que foi rexeitada polo PP.
O Grupo Socialista reclamou ademais a creación dun Observatorio de Patrimonio, cunha sección específica para a Educación Patrimonial, ademais dun novo órgano interadministrativo no Executivo autonómico que “coordine a política, normativa e xestión integral do patrimonio cultural”. Tamén propuxo unha Comisión de Patrimonio dentro do Parlamento “co obxecto do estudo e debate do patrimonio como elemento estratéxico e transversal da política cultural galega.
Díaz presentou esta proposta coas conclusións do Foro Patrimonio e Sociedade, organizado pola sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, que reclamaba un novo enfoque ás relacións entre cidadanía e patrimonio para superar o “abandono” ao que está sometido. Sinalou que na última década non houbo “ningún tipo de planificación na xestión do patrimonio, máis alá dunha especial atención aos bens da Igrexa e ao Camiño de Santiago”.
Estes dous conceptos absorben a maior parte dos orzamentos dedicados a rehabilitación e mantemento patrimonial, o que provoca a “clara marxinación doutras obras civís de relevancia, ou mesmo elementos culturais inmateriais”. É o caso, sinalou, dos pazos, castelos e edificios históricos abandonados e en ruína, o apoio irrelevante ás escavacións arqueolóxicas, a ausencia do apoio ao coñecemento da etnografía e o abandono do patrimonio inmaterial por parte do goberno.
Sinalou que “non podemos ser depredadores do noso pasado histórico e cultural, como tampouco podemos pasar por alto a impronta artística do noso patrimonio, nin podemos permanecer impasibles nesta materia”. Lamentou a “concepción simplista” do patrimonio por parte da Xunta, que deriva no “desleixo” á materia, que están a desaproveitar os anos cos maiores fondos orzamentarios da historia.