A portavoz de Infraestruturas e Transporte do Grupo Socialista, Patricia Otero, denunciou hoxe a “tomadura de pelo” do goberno galego, que leva orzamentando os mesmos 750.000 euros para os accesos ao Porto Seco de Monforte, sen executar dende a inauguración deste complexo en 2014. Otero presentou unha iniciativa na Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento para reclamar a execución da obra pendente, pero que foi rexeitada polo PP.
Otero sinalou que o Porto Seco leva “demasiados anos estancado”, xa que “sete anos despois” da súa inauguración “non existe instalada ningunha empresa” precisamente porque carece dos accesos necesarios coa N-120 a través dun tramo de menos de 1 quilómetro. Actualmente, o único acceso é co viario Monforte – Pobra de Brollón, unha estrada “estreita e pouco axeitada” para o volume de mercadorías que deberan circular polo Porto Seco.
Acusou á Xunta de ter “totalmente abandonada” unha infraestrutura que é da súa competencia e ademais ten unha enorme importancia dende o punto de vista estratéxico e económico para o eixo interior e tamén para a fachada marítima e o conxunto dunha eurorrexión na que residen 7 millóns de habitantes. Así o ten sinalado, dixo, o informe elaborado polo Eixo Atlántico en 2016 sobre o Porto Seco.
Otero tamén reclamara hoxe a construción do peirao de carga e descarga, un dispositivo “fundamental para que o parque industrial se poida considerar intermodal, xa que sen un sistema así non sería posible o transvase de mercadorías operativo entre a terminal ferroviaria e as parcelas acondicionadas ao seu lado”.
Acusou ao PP de presentar hoxe unha emenda a esta iniciativa “co único obxectivo de botar balóns fora” e sinalar ao goberno central tamén para as infraestruturas que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia. Reclamoulle que “deixen de enganar ao pobo de Monforte, rematen os accesos cumprindo coa Lei e constrúan a plataforma intermodal”.