A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que responda da demanda dos axentes xudiciais de Galicia para implantar quendas de 24 horas nos xulgados de Vigo e A Coruña. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión Institucional do Parlamento para sinalar que “a pelota queda nas mans da Xunta para que asuma a parte que lle corresponde do custe deste servizo”.
A responsable socialista lembra que estas dúas cidades son as únicas de España con máis de 8 xulgados de instrución que carecen de quendas de 24 horas, un servizo que garante “unha xustiza máis áxil e unha maior eficiencia no funcionamento dos xulgados e a mellora na resposta á cidadanía. Apunta que a Xunta “non ten escusa para atender a esta xusta reivindicación” avalada polo mesmo Consello Xeral do Poder Xudicial a petición do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Sinalou que cidades con menor poboación que as dúas galegas, como é o caso de Córdoba ou As Palmas, xa dispoñen de quendas de 24 horas, tamén con informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial, o que evidencia que se trata dunha medida que “si que é permitida pola Lei”.
Esta quenda garantiría un xulgado sempre aberto e con persoal presencial na oficina, disposto a atender “asuntos importantes e urxentes” con actuacións como ordes de afastamento ou protección solicitadas nos casos de violencia de xénero, ou mesmo avaliar entradas e rexistros. Estas actuacións actualmente son priorizadas nas quendas normais, co que “o persoal ten que desatender o que vai entrando en días sucesivos, supoñendo a perda de eficacia do servizo”.
Recursos
Paloma Castro advertiu de que o único que resta é que “a Xunta poña a disposición os recursos económicos necesarios para a implantación do novo sistema de quendas”, aumentando de 9 a 11 as persoas en cada cidade, incluídas tamén a fiscalía e o médico forense. Esta decisión suporía un incremento de 1,5 millóns de euros, o 1,1 por cento dun orzamento que ascende a 161 millóns de euros.
Reivindicou este esforzo para garantir “unha xustiza máis áxil, que garanta o acceso á tutela xudicial efectiva, contribuíndo a acadar unha maior eficiencia no funcionamento destes xulgados e unha mellora nas respostas á cidadanía.