O portavoz do Grupo Socialista insta ao presidente da Xunta a converter os orzamentos na base dunha nova política económica e de cohesión social para a reactivación
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, alertou hoxe fronte á política económica “desnortada” do goberno galego, e reclamou a Feijóo que centre o esforzo da Xunta no reforzo dos servizos públicos, a modernización da economía e a xeración de emprego de calidade.
Logo da aprobación das contas galegas polo Consello da Xunta, Gonzalo Caballero subliñou que “necesitamos políticas económicas expansivas, keynesianas e anticíclicas” que permitan impulsar o consumo, estimular o investimento e reactivar o crecemento económico para “consolidar unha saída robusta da crise provocada polo coronavirus”. Ademais, apostou por un crecemento sostido que permita “políticas sociais pensadas e deseñadas para protexer ás persoas, e que acaben coa desigualdade provocada polos anos de recortes do PP”.
En paralelo, instou a Feijóo a converter os orzamentos na base dunha nova política económica e de cohesión social para a reactivación. Trátase, dixo, de garantir que “ninguén quede atrás” na saída desta crise.
En cambio, criticou, “temos un presidente illado en Monte Pío, alleo á agonía de milleiros de galegos e galegas que cada ano se sitúan en risco de exclusión ou teñen que emigrar na busca de traballos dignos para desenvolver os seus proxectos vitais”. “Feijóo -engadiu- continúa na súa Arcadia feliz, mentres milleiros de galegos e galegas o están a pasar mal, orfos dun goberno sen rumbo, e que non atende as súas necesidades”.
Deste xeito, Gonzalo Caballero sinalou as eivas nos servizos públicos de Galicia, como a sanidade, a educación ou a atención á dependencia, as dificultades da mocidade para atopar emprego ou vivenda, a falla de servizos no rural e a abdicación do goberno galego das súas competencias para frear o desmantelamento industrial e acadar unha doble transición dixital e ecolóxica.