Caballero subliña a “plena sintonía” da dirección galega co secretario xeral no Congreso Federal e destaca que “Pedro Sánchez incorporou nos órganos federais as propostas da dirección galega ao Comité, máximo órgano”
Explica que a proposta do PSdeG requiría contar, cando menos, cun representante de cada unha das provincias galegas nos órganos federais
Valencia, 17 de outubro de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo balance do Congreso Federal do PSOE que rematou hoxe. Dende Valencia, destacou a súa “satisfacción” por un gran Congreso para “seguir avanzando” e “impulsar a reactivación desde o goberno de España”
“O socialismo galego contribúe plenamente ao proxecto federal progresista liderado por Pedro Sánchez”, subliñou o dirixente socialista logo de felicitar aos compañeiros e compañeiras do PSdeG incorporados á nova estrutura de dirección do partido trala celebración do 40º Congreso Federal.
“Saímos deste congreso con máis forza e capacidade, e cun proxecto renovado para seguir gobernando España dende o socialismo e a esquerda”, incidiu, “o que permitirá ao noso país seguir avanzando”.
Ao fío disto, o líder do PSdeG destacou a “boa sintonía” coa dirección federal logo de manter unha xuntanza co secretario xeral e presidente do goberno, Pedro Sánchez, na que “abordamos a estrutura de representación do PSdeG dentro da estrutura federal do PSOE”, así como o xeito en que o socialismo galego “vai contribuír en ideas e proxectos para ter unha España plural que sexa útil aos galegos e galegas”.
Por último, o secretario xeral trasladou o seu recoñecemento ao secretario xeral, Pedro Sánchez e á dirección federal por acordar a presencia galega na executiva federal, onde estará o presidente da FEMP e a secretaría de exterior, e incluír dentro do Comité Federal os catro nomes propostos pola dirección nacional do PSdeG, un por cada unha provincia, e incorporar tamén outra persoa a maiores.
Esta representación galega no Comité Federal complementarase cos membros que serán elixidos polos órganos galegos. Deste xeito, ademais do secretario xeral do PSdeG, que é membro nato do Comité Federal, e do presidente da FEMP, que participa na comisión executiva federal, na executiva federal mantense Pilar Cancela como secretaria de exterior.
Pola súa banda, entran como membros do Comité Federal a parlamentaria Marina Ortega, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o deputado autonómico Pablo Arangüena.
Estes nomeamentos, como resaltou Gonzalo Caballero, “supoñen un respaldo ao traballo das e dos socialistas galegos”.