O voceiro parlamentario do PSdeG critica que Feijóo intente usar o encontro de presidentes autonómicos sobre financiamento para convertelo nunha “fronte de conflito co goberno de España”: “por aí, non”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, subliñou hoxe que os e as socialistas galegas “queremos un financiamento axeitado para Galicia”, pero advertiu a Feijóo de que non pode “utilizar Galicia para facer política a carón de Pablo Casado”.
Gonzalo Caballero aludiu así ao intento de Feijóo de converter a xuntanza de presidentes autonómicos sobre financiamento autonómico nunha “fronte de conflito co goberno de España”; unha operación da que “a presidenta da Rioxa xa se desmarcou” mentres outros presidentes xa advertiron a Feijóo de que “se vai pola vía do conflito, non o van acompañar”.
“Feijóo”, dixo, “está priorizando o conflito en vez de buscar solucións” e, por aí, “nin vai o PSOE nin os presidentes das comunidades autónomas socialistas nin os compañeiros e compañeiras do PSdeG”.
“Os e as socialistas galegos”, remarcou Caballero, “queremos o mellor para Galicia” e “sempre estamos dispostos e dispostas a traballar por un modelo de financiamento autonómico que teña en conta o envellecemento e a dispersión poboacional para ponderar o custe dos servizos”. Iso si, deixou claro que Feijóo “non pode poñer ao PP por riba dos intereses de Galicia”. “Por aí, non”, resumiu.