O voceiro parlamentario avanza que o proxecto socialista é alternativo ao PP e amosa vontade de diálogo ante un goberno “superado” e “carente de estratexia”
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, definiu hoxe as liñas mestras da súa intervención no debate sobre o estado da autonomía que comeza o próximo mércores. Fronte a un goberno da Xunta “superado” e “carente de estratexia”, Caballero debullará un proxecto alternativo ao do PP, “centrado na defensa do estado do benestar, na xeración de emprego de calidade e na modernización necesaria e imprescindible da nosa economía para afrontar os retos poscovid”.
En concreto, o voceiro socialista avanzou en rolda de prensa que na súa intervención sinalará a reactivación económica como a prioridade do PSdeG, co obxectivo de que “Galicia non quede atrás”. Por este motivo priorizará “a xeración de emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos, sinaladamente a sanidade e a educación, e as políticas sociais”, e presentará “unha estratexia de país para modernizar a nosa economía”.
Esta pasa, como explicou Caballero, por enfrontar unha dobre transición ecolóxica e dixital, por aumentar o investimento en I+D+i e no avance tecnolóxico e por mellorar as infraestruturas. “Galicia non pode seguir perdendo oportunidades, temos que facer os deberes se queremos reactivar o país e darlle aos galegos e ás galegas unha vida digna e posibilidade de futuro na nosa terra”, subliñou, consciente da importancia de empregar correctamente os fondos europeos.
Neste punto, evidenciou que a Xunta está “superada polos acontecementos” e deixando á cidadanía “orfa fronte ao desastre e a inacción das políticas do PP”, incapaz de defender ao sector público e de clarificar os proxectos que queren optar aos fondos de recuperación. Por iso, recalcou, dende o PSdeG “imos amosar como se poden facer políticas de defensa do público e de apoio á cidadanía en situación desfavorable, de loita contra a desigualdade e para xerar emprego e modernizar a nosa economía”.
RODILLO DO PP
Así o dixo o portavoz do Grupo Socialista logo de recordar que “nos peores momentos da crise tendemos a man” ao goberno galego, pero Feijóo preferiu “aferrarse ao rodillo”. Criticou así o empecinamento do goberno galego en impoñer unhas políticas que “non xeran emprego de calidade” e en “recortar” na sanidade e na educación públicas, condenando ao rural ao “esmorecemento”.
Fronte a isto, Gonzalo Caballero avanzou que levará ao debate de política xeral “as propostas de progreso dun partido de esquerdas que confronta cos recortes da dereita en Galicia” e que está disposto a “tender a man para corrixir as eivas dun PP desnortado que falla nas políticas económicas e carece de rumbo”.
Un rumbo imprescindible, dixo, para marcar unha reactivación centrada “na Galicia do futuro”, a fin de “darlle futuro aos mozos e mozas” que se ven obrigados a marchar cando ven imposible conseguir emprego de calidade na súa terra.