Gallego denuncia que no primeiro semestre do ano o goberno galego tan só executou o 13 por cento da partida para coordinación e promoción do turismo
A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, instou hoxe a Xunta a incrementar os orzamentos para paliar a crise na que está inmerso o sector turístico galego. “Esa é a única forma de salvar o turismo en Galicia”, proclamou a deputada socialista durante a comparecencia no Parlamento da directora da Axencia de Turismo de Galicia.
Leticia Gallego cualificou de “incrible” que nun ano tan crítico para o sector a Xunta tan só executase no primeiro semestre de 2021 o 13 por cento da partida de coordinación e promoción do turismo. Gallego afirmou que esta circunstancia “demostra a mala xestión de Feijoo” neste eido.
De maneira especifica, Leticia Gallego reclamou “investimentos significativos” para facer un “verdadeiro mantemento” dos Camiños de Santiago e para mellorar os albergues de peregrinos e peregrinas, moitos deles en malas condicións por mor da súa antigüidade. Nesta liña, solicitoulle a Nava Castro que revise todas as instalacións para que sexan accesibles e non discriminar ás persoas con mobilidade reducida. “Os albergues públicos”, defendeu a deputada socialista, “teñen que ser un espazo de integración de todas as persoas”.
Por outra banda, tamén lembrou que moitos peregrinos e peregrinas seguen a ter a día de hoxe problemas para pernoctar nos albergues debido ás limitacións de aforo. Leticia Gallego lamentou a mala imaxe que se está a dar para o Xacobeo e para Galicia e reclamou unha solución inmediata ante a falta de previsión do goberno galego no medio dunha pandemia.
Ao fío disto, Leticia Gallego tamén criticou as políticas da Xunta con respecto á desescalada para o sector da hostalería, unhas medidas que “foron incoherentes e froito da improvisación na que está sumido o goberno de Feijoo”. Polo miúdo, Gallego puxo o foco no impacto que está a ter no sector do ocio nocturno “a improvisación da Xunta na implantación das medidas para conter a covid”.
A maiores, a portavoz de Comercio e Turismo do PSdeG tamén instou á Xunta a abrir un proceso de diálogo con concellos e deputacións para estudar e redefinir os posibles cambios no actual mapa de xeodestinos. “O mapa resultante dese proceso deberá adquirir un verdadeiro carácter oficial”, subliñou Gallego. Ademais, tamén instou á Xunta a falar con todas as vilas termais de Galicia para impulsar o seu potencial.
Ademais de reclamar “máis orzamentos e máis execución orzamentaria”, Leticia Gallego tamén instou ao goberno galego a non promocionar só o Xacobeo, que “como produto é bo, pero a Xunta ten que ir máis aló e promocionar as nosas montañas, o noso interior, as nosas cidades, a nosa costa ou os nosos balnearios co obxectivo de “poder desestacionalizar o noso turismo e a nosa gastronomía”.
Finalmente, Leticia Gallego sinalou que “o obxectivo da Xunta debería ser atraer cantidade e calidade turística”. Para iso, remarcou a parlamentaria do PSdeG, “é imprescindible impulsar a transformación dos nosos destinos turísticos cara á sustentabilidade e a dixitalización”.