O vicevoceiro socialista insta ao goberno galego a aclarar cales son esas iniciativas “porque A Coruña xógase moito” nun contexto no que hai arredor de 1.000 ocupados menos dende o inicio da pandemia
Arangüena lembra que a rebaixa das peaxes da AP-9 “beneficia particularmente A Coruña” e recorda que foi Aznar quen ampliou a concesión da autoestrada
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, subliñou hoxe a enorme oportunidade que supoñen para A Coruña e o conxunto de Galicia os fondos Next Generation. Neste contexto, instou á Xunta a aclarar cales son os proxectos para a cidade “porque a Coruña xógase moito” cando na cidade “hai arredor de 1.000 ocupados menos dende que comezou a pandemia”. Así, anunciou que volverá preguntar no Parlamento por esta cuestión xa que “é un tema vital para A Coruña” e os representantes do PP seguen sen saber responder.
Pablo Arangüena recordou que se descoñecen os proxectos que quere impulsar a Xunta, aparte do CHUAC e a cidade das TIC, “que xa estaban en marcha”. Advertiu que “os fondos Next Generation son para proxectos novos e transformadores, e a Xunta non está apuntando nesa liña”. Por iso, o vicevoceiro socialista tamén lle pregunta ao goberno galego se vai financiar o CHUAC se non recibe os 296 millóns que di que vai pedir aos fondos Next Generation ou se vai financiar a cidade das TIC se non recibe os 6 millóns que vai solicitar.
Tras lembrar que, grazas ao goberno de Pedro Sánchez, España vai recibir o dobre de fondos dos que lle corresponderían pola súa poboación, Arangüena lamentou que o goberno galego estea tratando o tema dos Next Generation “como unha carta aos reis magos” dicindo “un día que hai 8 proxectos, outro 107 e outro 354”, cando ademais “son case todos proxectos que xa estaban en marcha antes da pandemia”.
COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL COA CORUÑA E GALICIA
En paralelo, o vicevoceiro do Grupo Socialista puxo hoxe de relevo o “compromiso do Goberno central” coa Coruña, nunha lexislatura que “está sendo moi positiva para a cidade en termos de investimento estatal e de futuro para A Coruña e a súa área. Arangüena traslada este compromiso a Galicia “porque o que é bo para a Coruña é bo para Galicia”.
Como exemplos deste apoio, o deputado do PSdeG debullou proxectos en marcha como a ampliación da Ponte da Pasaxe, “unha obra longamente demandada na Coruña” ou as obras da Pasarela de Pedralonga, “que supón a primeira actuación da tan esperada ampliación de Alfonso Molina”
Lembrou tamén que está en marcha o proceso para a rexeneración da ría do Burgo por importe de 48 millóns de euros- “dos que a Xunta pon cero euros”- e que “van permitir rexenerar unha ría na que chegaron a mariscar 2000 persoas e na que hoxe non chegan a 70”. Isto é algo, engadiu o parlamentario socialista, “que puideron facer Rajoy e Feijoo durante sete anos e non lles deu a gana”.
A maiores, “está encarrilada a intermodal ou tamén o ferrocarril ao Porto Exterior, por importe de 150 millóns de euros” e Portos do Estado “está disposta a adiar a débeda de 200 millóns que pesa sobre a autoridade portuaria e que comezaba a pagarse este ano.” Tamén salientou que está en marcha a cidade das TIC “que vai servir para impulsar unha economía de alto valor engadido na cidade”. Trátase dun proxecto impulsado pola universidade co aval e o respaldo do goberno progresista “despois de que o goberno de Rajoy permitise que unha concesionaria como Hércules de Armamento non movese un tornillo e se perdesen 5 anos de actividade industrial na fábrica de armas”.
A REBAIXA DAS PEAXES DA AP-9 BENEFICIA PARTICULARMENTE Á CORUÑA
Pablo Arangüena salienta que “a todos estes feitos engádese a rebaixa histórica das peaxes da AP-9”. As bonificacións van implicar 2.300 millóns de euros de aforro ata o ano 2048 e benefician particularmente a unha cidade como A Coruña, que forma parte do eixo atlántico vertebrado por esa autoestrada. Nesta liña, o vicevoceiro socialista lamentou que, “tras sete anos de gobernos en Madrid, o PP nin levou a cabo esa rebaixa nin a Feijoo se lle ocorreu reclamala”.
A maiores, Pablo Arangüena aclarou ademais que a UE “non está investigando todas as concesións como din outras forzas políticas”. “É mentira”, zanxou, antes de engadir que “a UE está investigando a ampliación da concesión no ano 2000 feita por Aznar, que foron 25 anos de regalo que non se deron ao resto das autoestradas do Estado e que converteron á AP-9 nunha das máis duradeiras de España, cunha duración total de 75 anos”.
Por iso insistiu en que “os gobernos do PP puideron rebaixar as peaxes durante 7 anos e non lles deu a gana malia que no ano 2000 lle deron 25 anos de propina á concesionaria”.
Por último, o vicevoceiro socialista volveu reclamarlle á Xunta que atenda as demandas das comunidades educativas dos centros da comarca da Coruña.
Arangüena insiste en que “non abonda con que a Xunta ofreza diálogo”, senón que tamén debe dar resposta ás necesidades dos centros, e máis nun contexto no que “ten máis de 1.800 millóns extra na súa caixa entregados polo Estado desde o inicio da pandemia, entre outras cousas, para reforzar os servizos públicos”.