O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe á Xunta que garanta os prezos do servizo de seme sexado que Xenética Fontao ten previsto ofrecer dende Galicia a partir do próximo ano para as explotacións de leite de vacún. Seco presentou unha emenda a unha proposta do PP precisamente para garantir o control dos prezos, suprimindo o marxe comercial e facéndoos asequibles para os gandeiros.
Seco presentou esta proposta como emenda in voce no seo do debate dunha proposta do PP para pedirlle á Xunta que poña o servizo a disposición das explotacións galegas, que foi aprobada e apoiada tamén polos socialistas galegos a pesares de que a emenda foi rexeitada. Lembrou que este seme sexado resulta fundamental para optimizar a raza de vacún de leite da cabana galega.
O responsable socialista lembra que Xenética Fontao é unha empresa pública con participación maioritaria do Fondo Galego de Garantía Agraria, que recibe anualmente un mínimo de 150.000 euros dos orzamentos da Xunta de Galicia, ademais das instalacións nas que desemprega o seu labor. Segundo a memoria dos seus orzamentos, a sociedade mercantil destina 1,1 millóns de euros a gastos de persoal para os 30 traballadores da sociedade, incluído o seu xerente.
Martín Seco reclamou ademais que “se sometan as contas da sociedade a auditoría como garantía de transparencia e bo goberno dos recursos públicos, así como de transparencia de cara aos accionistas dunha sociedade que maioritariamente somos todos os galegos e as galegas”.