A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez, vén de presentar en Comisión parlamentaria unha proposición non de Lei para urxirlle á Xunta un “cambio da política forestal” centrada no desenvolvemento e a loita contra o despoboamento. Rodríguez lamentou o veto do PP a esta proposta dirixida a mudar unha xestión “descoordinada e ineficaz”, como demostrou o incendio de Ribas de Sil, este mesmo verán.
A responsable socialista apuntou ao abandono do rural como un dos principais factores de risco, xa que a improdutividade das terras están a facer do monte galego unha “bomba de biomasa formada por miles de hectáreas de mato e monte desordenado, en continuidade e sen apenas terras de labor, pastos e prados que actúan como cortalumes naturais”.
Rodríguez criticou que o argumento único do goberno galego fronte aos lumes forestais sexa sinalar que “son intencionados”, e lembrou o informe do Consello de Contas de 2016, que alertaba da necesidade de dedicar o 13 por cento do presuposto á prevención e extinción e o 87 por cento ao fomento e desenvolvemento forestal.
A realidade, logo de 12 anos de goberno de Feijóo, é que “dedican máis do 80 por cento á extinción de incendios forestais e un escaso 20 por cento á prevención ou políticas de desenvolvemento dos ecosistemas forestais”. Alerta que “estamos moi lonxe do que ten que ser unha política forestal equilibrada na que busquen a sostibilidade do patrimonio forestal e dos ecosistemas de Galicia, destinando case un cento de millóns anuais á extinción”.
A parlamentaria socialista presentou unha iniciativa en positivo para mudar a tendencia actual e avanzar na profesionalización do sector, mudar a xestión forestal de cara a un aproveitamento sostible do monte, e fomentando o bosque autóctono. Propuxo ademais a posta en marcha de campañas de educación e de sensibilización tanto a nivel escolar como dirixidas á poboación xeral, sinaladamente nas zonas rurais.
Propuxo a mellora dos equipos forestais de investigación, coordinados coas forzas e corpos de seguridade do Estado. Lembrou que lonxe das promesas do presidente da Xunta para reforzar estes equipos, a realidade é que “o único que fixeron ata agora foi a creación dun equipo de 15 persoas, e reclamou a actualización do dispositivo, contemplando a óptima organización de medios materiais e humanos.
Reclamoulle á Xunta que realice plans de autoprotección e evacuación para tódalas aldeas, así como un mapa de combustibles actualizado, deseñando mosaicos de usos e cortalumes naturais para illar os focos secundarios.
Ademais, urxiu a poñer en marcha os traballos para mitigar o gran dano ecolóxico na zona de especial conservación Ancares – Caurel, para evitar danos irrecuperables provocados polos procesos erosivos que continúan aos incendios deste verán nos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Puebla de Brollón.