A parlamentaria socialista Noelia Otero alertou da desaparición das desconexións territoriais da TVG, unha decisión que “como denunciou o propio Comité de Empresa, é moi grave e contraria á encomenda de servizo público que ten a CRTVG por Lei”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral neste sentido na Comisión da CRTVG celebrada hoxe no Parlamento.
Otero sinala que a dirección do ente vén de confirmar a súa decisión logo da presentación da programación outono – inverno, avanzando no desmantelamento das delegacións territoriais que iniciaran en 2010 pechando os centros de Pontevedra, Ferrol, Burela, Oporto e Bruxelas, e seguindo o camiño marcado pola Radio Galega, que suprimía as desconexións locais no ano 2018.
A parlamentaria socialista alerta do “progresivo deterioro da estrutura territorial da CRTVG, cun baleirado continuo de persoal que o único que fai é relegar aos centros territoriais á insignificancia”. Ademais, dixo, esta estratexia “priva á cidadanía da posibilidade de recibir en galego e a través dun medio público autonómico a información do que acontece na súa contorna máis inmediata”.
Mandato legal
A decisión é contraria ao mandato legal da CRTVG e contrario ás premisas básicas de proximidade, contexto xeográfico, social, económico e cultural. Lembra que “a cidadanía necesita e ten dereito a saber o que sucede na contorna máis próxima”, mentres o ente público “vai privar ás veciñas e veciños da información das institucións, partidos políticos, asociacións, personaxes do concello e da comarca”.
Subliñou que “ademais dos contidos, a televisión pública debe de ser inmediata, e a inmediatez unicamente é posible contando con medios técnicos, humanos e compensados, con capacidade de saír á rúa, entender, coñecer, producir e trasladar á información, o que era unha das principais fortalezas que distinguiron á CRTVG dos seus competidores, como era a capacidade de atender informativamente a todo o país.