A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, urxiu hoxe ao conselleiro de Cultura a iniciar un “cambio de paradigma no modelo de gobernanza e xestión do patrimonio” de Galicia. Díaz presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento na que defendeu as conclusións do Foro Patrimonio e Sociedade organizado polo Consello da Cultura Galega no que sinalaba a “política errática” da Xunta nesta materia.
A responsable socialista avogou por “redefinir a política de xestión do patrimonio actual en Galicia” e instou ao goberno galego a asumir as propostas dos axentes independentes para “cambiar os lentes e adecuarse a unha nova situación que demanda maior participación e modernizar a visión que teñen sobre o patrimonio”. Reivindicou a mellora da xestión actual do patrimonio cultural de Galicia cun incremento dos recursos económicos, técnicos e humanos”.
Noa Díaz reclamou “revisar a concepción actual que existe sobre a xestión do patrimonio e actualizala con políticas efectivas que protexan e poñan en valor o noso inxente patrimonio cultural”. Advertiu de que “de non facelo, serán responsables dun dano irreparable sobre o patrimonio arqueolóxico, artístico, cultural, histórico e ambiental de Galicia, algo que noutros países sería impensable”.
A parlamentaria socialista lamentou o “medo a asumir a competencia” sobre a xestión do patrimonio que está a amosar o goberno galego, e replicou as propostas par a mellora da xestión patrimonial de Galicia presentadas polo Consello da Cultura Galega. Propuxo neste sentido un novo modelo de gobernanza e xestión “que vaia do punitivo á corresponsabilidade”, e unha concepción do patrimonio “como un recurso económico sustentable”.
Puxo o acento sobre a necesaria transversalidade da cuestión patrimonial á hora de lexislar ou implementar políticas que lle afectan, a participación social no deseño destas política, a concepción do patrimonio de forma global, así como a incorporación da educación patrimonial no ensino e un maior financiamento. Mentres, dixo, Galicia segue a rexerse por unha Lei do Patrimonio Cultural “máis reactiva que proactiva”.
Comisión de Patrimonio
Noa Díaz propuxo ademais a creación dunha Comisión de Patrimonio no seo do Parlamento de Galicia, tal e como propón ademais o CCG, e unha comisión interdepartamental no seo da Xunta como instrumento para a coordinación intersinstitucional. Tamén respaldou a proposta de crear un Observatorio do Patrimonio que incorpore persoal experto e independente, ao igual que xa existe noutros ámbitos de actuación.