O vicevoceiro socialista pon de relevo o gran compromiso inversor do goberno central coa cidade tras o inicio das obras da pasarela de Pedralonga
Arangüena denuncia o “agasallo envelenado de Aznar” coa ampliación da concesión da AP-9 fronte a “histórica rebaixa das peaxes” levada a cabo polo goberno de Pedro Sánchez
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que dea resposta ás demandas das comunidades educativas de diferentes centros educativos da área da Coruña. Con este obxectivo, o PSdeG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento para demandar que o goberno galego solucione as carencias organizativas e de persoal das que levan semanas alertando as comunidades educativas do CEIPs Ría DO Burgo e Rego da Trabe, en Culleredo, e dos CEIPs Ramón de la Sagra e Sagrada Familia, na Coruña.
Pablo Arangüena alertou de que “as protestas de pais, nais e profesorado poñen de manifesto as eivas actuais e tamén o efecto acumulativo dos recortes levados a cabo na educación pública galega dende o ano 2009”. Así, con respecto ao CEIP Ría do Burgo, de Culleredo, Pablo Arangüena lembra que pais e nais reuniron ata o día de hoxe máis de mil cen firmas para reclamarlle á Xunta máis docentes de educación especial, “nun curso no que a Xunta reduciu o persoal de apoio nese centro a pesar de que se duplicou o número de alumnos con necesidades educativas especiais”.
No que se refire ao instituto Rego da Trabe, tamén de Culleredo, o vicevoceiro socialista indica que a comunidade educativa “concentrouse hai escasos días para demandar melloras nese centro e criticar a supresión de media praza de docente de pedagoxía terapéutica”, o cal supón “unha merma para 17 nenos e nenas que necesitan un especial apoio”
Pola súa banda, no CEIP Ramón de la Sagra, da Coruña “pais e nais manifestáronse nos últimos días para solicitar que se complete o cadro docente do centro dado que, a pesar de que no catálogo de profesorado do centro figuran en teoría 11 docentes, so hai 10 no curso que comeza”. Por último, no CEIP Sagrada Familia, da Coruña, a comunidade educativa denuncia a falta de un dos dous docentes a tempo completo especializados en educación musical que lles corresponden.
Pablo Arangüena lamenta que a resposta da Consellería de Educación en todos estes casos “é inexistente e insatisfactoria”. Por iso, non só lle reclama solucións á Xunta, senón que dialogue para atender as reivindicacións da comunidade educativa, xa que “o que está a dicir a Xunta en todos os casos é negar o problema ou non dicir nada. “Xa sabemos”, engade Arangüena, “que ao PP de Galicia gústalle máis a educación privada que a pública pero os países máis avanzados, como os nórdicos, son aqueles que poñen en valor a educación pública e nos cales o Casado de quenda, en lugar de ir a un colexio ‘pijo’ madrileño iría a un instituto público ben dotado”.
Neste contexto, o vicevociero socialista lembrou que “a Xunta de Galicia pechou 138 centros públicos de ensino desde que o Feijóo chegou ao poder no ano 2009, exactamente o 11 por cento dos que había cando gañou as eleccións en 2009”. Ao mesmo tempo recordou que “nos 12 anos que leva no poder, o orzamento en educación reduciuse en 113 millóns de euros”. “Por tanto”, concluíu, “a propaganda do PP de Galicia de que aumentou a inversión educativa é absolutamente falsa”.
GRAN COMPROMISO INVERSOR DO GOBERNO CENTRAL NA CORUÑA
Por outra banda, Pablo Arangüena tamén lembrou que esta semana empezaron as obras “tan demandadas da pasarela de Pedralonga, que é a primeira fase de ampliación de Alfonso Molina”. Trátase dunha “reivindicación histórica da cidade, que se suma ao ferrocarril ao porto exterior, a intermodal e rexeneración Ría do Burgo e que, en conxunto, configuran un grupo de actuacións que amosan o gran compromiso inversor do goberno progresista con esta cidade e esta comarca”.
En calquera caso, Pablo Arangüena contrapuxo este compromiso “coa falta de esforzo inversor da Xunta na comarca da Coruña”. Por iso, demandoulle á Xunta de Galicia “que estea á altura da importancia que ten unha cidade como A Coruña”.
O “AGASALLO ENVELENADO” DE AZNAR NA AP-9
Finalmente, Pablo Arangüena cualificou de “agasallo envelenado de Aznar, cando Feijoo era alto cargo dese goberno”, a ampliación da concesión da AP-9 a Audasa ata 2048. Nesta liña incidiu en que “todas as autoestradas coetáneas da AP-9 foron prorrogadas, pero Aznar ampliou a concesión da AP-9 25 anos máis que o resto, e con beneficios fiscais, para logo privatizala”.
En contraposición a este modelo, Pablo Arangüena puxo de relevo que “o actual Goberno progresista estableceu unha baixada histórica das peaxes da AP-9, que no primeiro mes de aplicación serviu para que o conxunto da cidadanía aforrase 3,4 millóns de euros”. Salientou que se trata dunha “rebaixa histórica das peaxes que vai implicar case 60 millóns cada ano”, pero que nin Rajoy a levou a cabo durante 7 anos nin Feijoo llo pediu”.