O portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, presentou hoxe na Comisión de Economía unha proposición non de Lei do Grupo Socialista con 6 eixos para salvar da desaparición de comarcas enteiras da Galicia interior. O responsable socialista plantexou unha batería de propostas xenéricas viables para que o goberno galego “revise as políticas que condenan a unha morte rápida á Galicia baleirada”, que sen embargo foron rexeitadas polo PP.
O responsable socialista alertou de que a falla de servizos e expectativas laborais ofrecen un “panorama desolador” para moitas comarcas da Galicia interior, que perderán un terzo da súa poboación en apenas 15 anos, segundo sinalan as previsións do IGE. Apunta que “nin as medidas da Xunta funcionaron nin ten nada diferente que ofrecer para o futuro, nin o investimento da Xunta está orientado á corrección dos desequilibros e carece de decisión e perseverancia”.
Urxiu a reorientar a acción do goberno, ou do contrario en apenas década e media “non quedará en moitas comarcas apenas xente para ter conta do territorio”. Lembrou que actualmente hai 28 comarcas que nos case 12 anos de goberno de Feijóo perderon un 15 por cento da súa poboación, e hai unha Galicia “onde apenas nacen nenos, e cando nacen ven que as escolas pechan por falta de profesores e non teñen bus para ir ao instituto”.
Mentres, sinalou, a Xunta permanece allea a esta realidade de amplas zonas do interior galego, e “reacciona con silencio e complicidade por exemplo diante do peche de oficinas bancarias”, cunha decisión que “ofrece como única mensaxe á cidadanía de que aquí non hai nada que facer”.
Axencia pública
Sinalou que “se non actúan con eficacia e perseverancia, e cun investimento que discrimine positivamente estas zonas, moi pronto quedarán despoboadas”. Propúxolle á Xunta que tome nota da experiencia escocesa e constitúa unha Axencia pública para o equilibro territorial á imaxe da “Highlands and Islands Enterprise”, que “planifique, programe e xestione actuacións públicas para a garantía dos servizos básicos e a atracción de empresas e a creación de emprego”.
Tamén propuxo que o goberno galego “estableza pautas para a elaboración dun mapa de servizos básicos que garanta o acceso para o conxunto da poboación na totalidade do territorio”, e ademais que calquera peche dun servizo básico por parte do goberno galego estea supeditado a un informe do organismo especializado de asesoramento previsto na lexislación, ou no seu defecto do propio CES.
Ademais, propuxo a creación dun Fondo de Cohesión Demográfica, determinado con criterios obxectivos e con destino ás administracións locais para poñer en práctica actuacións fundamentais para o impulso da poboación, con apoio financeiro para concellos en grave crise demográfica. Finalmente, plantexa un modelo de transporte público que garanta a accesibilidade aos servizos básicos, e o impulso dun plan de mellora da conectividade de banda larga que garanta cobertura para toda a poboación.