O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, instou hoxe á Xunta a aproveitar a reforma da Lei de Saúde á que lles obriga o TC para incorporar unha limitación aos prezos máximos das PCR e probas covid. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade para pedirlle á Xunta que siga o exemplo da Lei de Saúde de Baleares, que dicían que era idéntica á galega, e transcriban o apartado que limita os prezos.
O responsable socialista dixo que “se vostedes seguen considerando, a pesar do avance da vacina, que hai que esixir probas serolóxicas para determinadas actividades como deporte ou algunhas condicións para hosteleiros, débese formular a limitación de prezos”.
Lembrou que o goberno galego está a obrigar á cidadanía a pagarlle ás farmacéuticas unhas probas que chegaron a custar 140 euros, por exemplo nos casos da hostalería ou en determinadas prácticas deportivas pero “néganse a limitar o prezo” porque, dixo citando ao coñecido reo e ex ministro do PP, Rodrigo Rato: “é o mercado, amigo”.
Julio Torrado lamentou a resposta ofrecida hoxe polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, que dixo que “a limitación do prezo nestes momentos en Galicia non se adoptou porque non se sufriu a realidade de que houbese ningunha queixa do prezo que tiñan as probas PCR ou os antíxenos”. Torrado dixo que “non é honesto” ese argumento, sinaladamente por un alto cargo que no mesmo debate admitiu que non tivera que facerse ningunha PCR privada.
Explicou que o prezo esixido polas probas chega a ser excesivo para moitos cidadáns que “teñen a percepción de que non o queren baixar”, xa que o mesmo goberno galego que obriga a facer as probas, ao tempo “desbota reducirlle uns beneficios extraordinarios ás farmacéuticas que venden antíxenos, PCR ou outras probas”. “É a mostra máis clara do mercado, do seu capitalismo de amiguetes, non é decente e ademais é unha escusa bastante mala”, remachou.
Torrado mesmo ofreceulle a Sanidade a vía para incluír esta limitación, perfectamente viable a través da modificación da Lei de Saúde galega que están obrigados a facer por mandato do Tribunal Constitucional. Dixo que “por moito que se empeñen, terán que cambiar a Lei porque o TX “díxolles que a súa non valía”, e preguntou polo mecanismo previsto polo goberno galego para cumprir coa esixencia do alto tribunal.
O responsable socialista advertiu neste sentido que “supoño que non intentarán colar a reforma pola porta de atrás a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos da Xunta”, o que, sinalou, “sería obsesivamente trampulleiro”.