A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que suprima as minidepuradoras actuais de Punta Orelludas, no concello de Oia, que levan 10 anos sen funcionar correctamente, e instale unha nova Estación Depuradora de Augas Residuais –Edar-. Gallego visitou hoxe a depuradora de Viladesuso, en Porto Senín –Oia, onde mantivo un encontro co portavoz municipal do PSdeG, Gerardo Rodríguez, e membros da corporación.
Gallego urxiu ao goberno galego unha solución temporal aos “graves problemas na rede de saneamento e a depuración das augas residuais da vila de Oia mentres non se constrúa a nova Edar”. Lembrou que os veciños e veciñas “levan máis de dez anos soportando malos cheiros, ruído e vertidos das augas residuais xunto ás casas” e “están fartos dunha situación insoportable que está a levar por diante os espazos naturais da costa”.
A parlamentaria socialista sinala que o problema deriva da posta en marcha das cinco mindepuradoras de Punta Orelludas, no ano 2010, a menos de 30 menos da costa e en terreos clasificados como parque acuícola na normativa urbanística. Apunta que “estas depuradoras non son tal, senón que son decantadoras ou dilaceradoras, e aínda no caso de que funcionaran correctamente, levarían a cabo tan só o tratamento primario”.
Alerta de que os emisarios das instalacións “están rotos nos cinco casos”, co que “están a verter á beira do mar carecendo de permisos administrativos, e polo tanto nunha situación ilegal”. Ademais, sinalou, “hai que engadir que as parroquias de Loureza e Burgueira carecen de calquera tipo de depuración, tendo unicamente fosa séptica e sen existir permisos de vertidos”.
Leticia Gallego levará ao Parlamento as queixas dos veciños e veciñas, que afirman que “as filtracións e vertidos de augas fecais son constantes e van directamente ao mar porque o sistema de depuración non funciona, ou ben a través das arquetas situadas xunto á estrada PO-552, onde se observan os residuos orgánicos fedorentos tan pronto como se levanta a tapa”.