A deputada socialista esixe que a Xunta acorde co Concello o inicio dos trámites de redacción do proxecto e que inclúa xa unha partida para esta iniciativa nos orzamentos do vindeiro ano
A vicevoceira do PSdeG, Paloma Castro, vén de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que dea resposta ás necesidades educativas na localidade pontevedresa de Salceda de Caselas. Con este obxectivo, a deputada socialista reclámalle ao goberno galego que se comprometa coa creación dun novo centro de educación primaria que permita absorver a demanda de alumnado existente no municipio.
A maiores, e para concretar ese compromiso, o Grupo Socialista esíxelle ao goberno galego que, en consenso co Concello, inicie os trámites para a redacción do proxecto e a construción das novas instalacións. De maneira complementaria, tamén demanda que nos orzamentos 2022 se inclúa unha partida específica para iniciar o proxecto de creación dese novo CEP en Salceda de Caselas.
Paloma Castro explica que Salceda de Caselas é un dos municipios galegos que experimentou un maior índice de crecemento demográfico nos últimos anos, o que motiva que na actualidade haxa preto de 2.000 menores, dos cales arredor de 1.200 teñen idades comprendidas entre 3 e 12 anos.
Neste contexto, Castro alerta de que “o único colexio de educación primaria, o CEP Altamira, é claramente insuficiente para absorber esta demanda e escaso tanto as zonas comúns coma as aulas”. Esta circunstancia provoca que non poida ofertar “unha educación de calidade para o crecente alumnado”. Ademais, lamenta que “esta masificación fai que moitos pais e nais estean a matricular aos nenos e nenas en centros noutros concellos, cos prexuízos para a conciliación que isto supón”.
Paloma Castro recorda que “dende o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia levamos anos solicitando a creación dun novo CEP” e que “algunhas destas demandas foron aprobadas por unanimidade no Pleno de Salceda de Caselas e trasladadas á Xunta”.
Malia todo, Paloma Castro denuncia que “o goberno do PP fai caso omiso e non atende estas reivindicacións tan necesarias e que reverterían no beneficio da poboación infantil deste municipio, garantindo o dereito que teñen ao acceso a unha educación pública digna e de calidade”.