Lamenta que estaleiros como Barreras ou Vulcano “estean agonizando” mentres “a Xunta mira cara a outro lado”
A parlamentaria Leticia Gallego urxiu hoxe á Xunta “proxectos para a reconversión da industria naval” en Galicia cando o sector perdeu 4.000 empregos no último ano e dado que este é “estratéxico” e “ten futuro”. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Industria da Cámara galega, a través da presentación dunha pregunta ao goberno e tras manter unha xuntanza nas instalacións do Parlamento coa Plataforma de Afectados polos Impagos do Naval.
Ante aos “síntomas de fatiga” que está a vivir o sector naval derivados da “falla dunha política específica dirixida ao sector” por parte do goberno galego, Gallego pediu a Xunta “que se poña a traballar xa para salvar ao sector e a súa industria auxiliar” da que dependen máis de 12.000 traballadores e traballadoras en toda Galicia.
Neste senso, a responsable socialista lamentou que estaleiros como Barreras ou Vulcano “estean agonizando” mentres “ a Xunta mira cara a outro lado”. “Non podemos permitir que caia un sector tan importante para Galicia e, nomeadamente, para a bisbarra de Vigo”, alertou Gallego.
A SITUACIÓN “PREOCUPANTE” DE BARRERAS
“A Xunta, como sempre está de perfil, como se este problema da industria das auxiliares navais non fose con eles e o mesmo ocorre con Barreras, o maior estaleiro civil do país e símbolo do naval vigués ameaza con arrastrar a todo o sector pola débeda millonaria que a construción do Evrima e os proxectos frustrados de Havila e Armas deixaron na industria auxiliar”, lamentou.
Ao fío disto, Gallego censurou que o goberno galego “non fixese absolutamente nada para apoiar a Barreras” e “abandonase” ao estaleiro “a súa sorte”. Así, fronte á “inacción” en política industrial do goberno galego, a responsable socialista loou o apoio do goberno progresista de Pedro Sánchez que aprobou unha “inxección económica” de 23 millóns de euros para a empresa.
A XUNTA DEBE “ESCOITAR” AO SECTOR
Por último, a voceira socialista instou á Xunta de Galicia a que “escoite” a Aclunaga cando reivindica un “financiamento ad hoc, tendo en conta o longo período de cobro dos traballos”; a promoción de formación continua dos seus traballadores e traballadoras; así como a posibilidade de que as pemes poidan presentar proxectos de innovación ou de mellora de xeito individual.