O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao conselleiro de Sanidade de “presentar novas escusas sobre vellos problemas” ao “anunciar un suposto novo modelo sanitario”. Así o dixo no debate dunha interpelación parlamentaria na que desmentiu duramente as cifras que presentou o presidente da Xunta sobre unha suposta caída da chegada de vacinas a Galicia, que se atopa “exactamente na media” do Estado.
O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “se de verdade queren implantar un novo modelo é importante que poidamos debatelo”. Aludiu ao documento para unha Atención Primaria Integradora, asinado entre outros pola actual secretaria da Consellería, cunhjas conclusións “demoledoras coa política sanitaria deste país nos últimos dez anos” e que o PP rexeitou no Parlamento cando os socialistas as presentaron como iniciativa parlamentaria.
Torrado amosou o seu escepticismo sobre os anuncios dun goberno galego “máis preocupado de armar o maldito relato para culpar ao Estado e nunca de resolver o problema”, e advertiu que “o sistema funciona porque temos uns profesionais que non nos merecemos, que traballan a pesares dos xestores”.
Resumiu que logo de 12 anos de goberno do PP, Galicia ten 1.000 profesionais sanitarios menos, e a sanidade pública deixou de percibir 2.000 millóns de euros dos orzamentos dunha Xunta que renunciou a pedir 140 prazas MIR e 131 de enfermaría familiar e comunitaria que tiña habilitadas. Unha etapa que continúa con sentenzas xudiciais en contra, a dimisión en bloque de xefes de servizo, e os colexios médicos sinalando á Xunta por un modelo de recortes que “non serve”.
Sinalou que logo de “anos” escoitando á Xunta falar dun novo modelo sanitario, este nunca se ten concretado,, así como o presidente da Xunta “fala moito da presencialidade, pero non da ningún dato”. Advertiu que a día de hoxe “para pedir atención presencial hai que ir en persoa ao Centro de Saúde: imaxinen unha persoa que está realmente mal, ou un enfermo covid con síntomas graves que teña que ir ao Centro de Saúde a pedir esa atención presencial”.
Indecencia
O parlamentario socialista denunciou as afirmacións “burdas, ruíns e miserables” do presidente da Xunta, que na sesión de control de hoxe afirmou que Galicia era das comunidades autónomas que menos vacinas estaba a recibir. Torrado esgrimiu os datos oficiais que avalan que Galicia “non é a peor, nin a segunda, nin a terceira, nin a quinta, nin a sexta, nin a sétima”, xa que está “no promedio” do Estado.
“O que dixo Feijóo sabendo que estaba mentindo é dunha indecencia que non está á altura da institución que representa”, espetoulle, antes de advertir que “prefiro pensar que non sabe ver os datos, porque se sabe entón iso quere dicir que mentiu, e teño a sensación de que o presidente da Xunta non debe mentir”.