A deputada do PSdeG tamén reclama que se proceda á retirada das aves mortas polos problemas ambientais que poden ocasionar
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021. A deputada socialista Noa Díaz rexistrou hoxe unha serie de iniciativas no Parlamento galego para reclamarlle á Xunta que adopte medidas para frear da mortaldade masiva de gaivotas no encoro de Vilagudín, nos concellos de Ordes, Tordoia e Cerceda.
A parlamentaria do PSdeG esixe asemade que se proceda á retirada dos cadáveres e á súa limpeza, recollendo así as demandas expresadas polo agrupación socialista do municipio de Ordes.
Noa Díaz explica que “diversas entidades ecoloxistas, alertadas por veciñanza da zona, están a denunciar a repentina mortaldade masiva de gaivotas neste mes de setembro no encoro de Vilagudín”. Trátase dunha situación que xa se producira no ano 2016.
A parlamentaria do PSdeG indica que “neste momento, segundo as testemuñas, na beira do encoro hai xa medio cento de gaivotas mortas e unhas trinta agonizantes”. E a estas hai que sumarlle “unhas sesenta no centro do encoro que xa dan mostra de estar enfermas”.
Noa Díaz sinala que persoal investigador universitario “está xa a tomar mostras para realizar análises que diluciden as causas desta mortaldade”. En calquera caso, indica que “ornitólogos e persoal experto consultado polos medios de comunicación apuntan que a causa podería ser botulismo, unha intoxicación por unha bacteria que paraliza os músculos”. Apúntase a hipótese de que as gaivotas se poidan estar intoxicando por iren alimentarse no vertedoiro de SOGAMA.
En consecuencia, Noa Díaz alerta de que trata “dun problema ambiental, xa que a permanencia e descomposición dos cadáveres provocan unha afectación na cadea trófica do encoro”. Desta maneira, non só “periga a colonia de gaivotas senón tamén a fauna local que se alimenta deses animais mortos”.