Lamentou a inacción do goberno galego cando houbo unha caída “drástica” do nivel de facturación no sector no ano 2020 a consecuencia da pandemia
A voceira de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de urxir á Xunta a desenvolver un plan de recuperación específico para pesca artesanal e o marisqueo. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Pesca do Parlamento, través da presentación dunha pregunta ao goberno galego.
Neste contexto, a responsable socialista lamentou a inacción do goberno galego cando houbo unha caída “drástica” do nivel de facturación do sector no ano 2020 pola pandemia e mesmo, na Comisión de Reconstrución, “todos os grupos políticos estabamos de acordo en que era necesario este plan, pero logo a Xunta non lle dá importancia” mesmo cando o sector sufriu “fortemente” as consecuencias da covid, “especialmente as derivadas dos distintos peches e limitacións que viviu a hostalaría”.
Ademais, Otero lembrou que o Partido Popular “levou este asunto no programa electoral co que concorreu ás eleccións do ano pasado; pero, malia isto, aínda non sabemos nada”.
Doutra banda, a voceira socialista lamentou a continua perda de buques censados en Galicia que provoca tamén unha “perda de postos de traballo”. Así, dende que o Grupo Socialista presentou esta iniciativa no rexistro do Parlamento en xaneiro de 2021 ata este mes de setembro, perdéronse 38 buques pesqueiros, 37 buques de artes menores e 2 barcos de cerco.
Por todo isto, Otero pediu á Xunta que “tome medidas” para paliar a “baixada na facturación” do sector e expuxo as propostas da Federación Galega de Confrarías de Pescadores que pediron medidas de apoio económico e financeiro; campañas de fomento do consumo local; campañas de difusión dos beneficios do consumo de peixe e marisco; medidas de apoio directo ás confrarías e federación; así como un plan de recuperación específico para a pesca artesanal e o marisqueo.
Por último, a voceira socialista lembrou a importancia dun sector que “aporta peixe e marisco de gran calidade” e lembrou que, durante a situación máis crítica da pandemia, o sector da pesca “foi declarado como esencial”, co que “continuou traballando para que non faltase un alimento vital na nosa dieta”.