O parlamentario socialista Martín Seco acusou hoxe a Xunta e PP de “enganar á cidadanía de Bergantiños e a Costa da Morte” ao paralizar a homologación do Camiño dos Faros. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que acusou á Xunta de “renunciar ao actual proxecto e diluílo nunha ruta dos faros por toda Galicia”.
Esixiulle que “deixen ser o obstáculo, deixen de bloquear o informe de impacto ambiental e faciliten o diálogo entre a asociación do Camiño dos Faros e a federación galega de montañismo” para darlle carta de natureza oficial a un proxecto “sostido por unha mera asociación de amigos co apoio dos 9 concellos que o integran”. A pesares desta situación precaria, trátase dun proxecto “de éxito” con repercusión en publicacións internacionais e que é visitada por 20.000 cidadáns ao ano.
Sinalou que mesmo a principios deste verán a propia Asociación Camiño dos Faros mantivo unha xuntanza coa Federación Europea de Sendeirismo “porque o camiño dos faros podería ter o selo leading quality trail, que sería o único en España”.
Seco reclamoulle ao goberno galego que cumpra co acordo parlamentario aprobado no pasado mes de decembro para desbloquear unha homologación que leva xa 2 anos paralizada. Daquela, a Cámara autonómica reclamáballe á Xunta de Galicia a constitución dunha Mesa de traballo integrada polo Executivo, a Deputación, os alcaldes dos 9 concellos, a asociación de turismo Costa da Morte, a Asociación Camiño dos Faros e a Federación Galega de Montañismo”.
Outras promocións
A pesares das boas intencións plasmadas polos grupos parlamentarios, o goberno galego continúa sen convocar a dita Mesa de traballo, segue sen poñerse en contacto coa asociación nin cos alcaldes e está a intentar desnaturalizar a iniciativa. Lamentou que “a máxima responsable da Xunta en materia de Turismo non ten tempo para xuntar a mesa pero si para ir facer outras promocións turísticas, demostrando que a Xunta quere “saca adiante a súa ruta dos faros”.
Desafiou á secretaria xeral de Turismo que “lle diga a verdade aos cidadáns dende Malpica ata Fisterra, dígalles que a Xunta de Galicia quere violar unha iniciativa de éxito mundial para diluíla nun proxecto xeral por toda Galicia poñendo en risco o futuro desta ruta”. Seco apostou por “un camiño dos faros tal e como está configurado actualmente, e non diluílo noutro tipo de proxecto que utilicen algúns intereses empresariais para beneficio dos amigos do goberno galego”.