Pídelle ao goberno galego os datos das solicitudes presentadas a esta convocatoria ata o momento e pregunta se se informou previamente a algún concello
A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento galego para reclamarlle á Xunta de Galicia transparencia na concesión das axudas para a creación e lanzamento de plataformas de de venda online para produtos agroalimentarios no medio rural, coñecidas como marketplace.
Estas axudas foron convocadas en concorrencia non competitiva o pasado 30 de agosto e están dirixidas, entre outros, a concellos rurais de menos de 10.000 mil habitantes.
Para axilizar e garantir o acceso en igualdade de todos os municipios á convocatoria, a parlamentaria do PSdeG demanda que a Xunta de Galicia elabore, conxuntamente coa Fegamp, un mapa de concellos rurais menores de 10.000 habitantes que cumpran unha serie de requisitos preestablecidos para poder optar a estas axudas.
Desta maneira coñeceríase exactamente que municipios terían dereito a subvención co fin de habilitar unha partida que dea resposta a todas as posibles solicitudes.
Na actualidade, a orde de subvencións está dotada con 800.000 euros, que se irán repartindo por orde de chegada a todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos ata esgotar o crédito. Para acceder a elas, os solicitantes deben presentar unha exhaustiva documentación técnica e económica, cuxa elaboración require de moito tempo e impide que se poida presentar de maneira inmediata.
Por este motivo, Begoña Rodríguez Rumbo pregúntalle á Xunta de Galicia cantas entidades presentaron solicitude a estas subvencións dende que abriu o prazo e cal foi a orde e hora de entrada desas solicitudes.
Asemade -tendo en conta o tempo que pode levar reunir toda a documentación complementaria- a parlamentaria socialista tamén quere saber se a Xunta de Galicia informou previamente a algunha entidade da convocatoria desta orde.