O Grupo Socialista denuncia o “claro incumprimento” dos obxectivos do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia por parte do goberno galego e lembra que o PSdeG “sempre apostou pola planta de Lousame”
A voceira de Medio Ambiente do grupo Socialista, Paloma Castro, e a deputada Noa Díaz veñen de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixirlle ao goberno galego que se comprometa a colaborar no futuro do Complexo de tratamento de residuos sólidos urbanos (RSU) da ‘Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza’.
Deste xeito, preténdese que a Xunta contribúa a garantir a continuidade da planta tras o fin da súa concesión, previsto para o ano 2023. Ademais, tamén se dá resposta ás demandas suscitadas nun encontro mantido polos e polas representantes do PSdG-PSOE dos Concellos que son membros natos da Mancomunidade Serra do Barbanza (Lousame, Noia, Porto do Son, Muros, Carnota e Brión).
Nesa xuntanza, celebrada en Carnota, definiuse unha folla de traballo para solucionar os graves problemas existentes na xestión desta planta, coa firme vontade de manter o seu funcionamento e os postos de traballo, mantendo a concesión máis alá de 2023.
Así, Paloma Castro lembra que “o PSdG sempre apostou por esta planta, poñendo en valor o emprego que xera na comarca e a reciclaxe en proximidade, menos contaminante que outras plantas que operan en Galicia”. Nesta liña, puxo en valor que na actualidade a taxa de reciclaxe dos municipios asociados a Lousame é de 17 quilos por habitante e por ano, o que supón 5 puntos por riba da taxa galega.
INCUMPRIMENTO DA XUNTA NOS OBXECTIVOS DO PLAN DE XESTIÓN DE RESIDUOS
En contraposición a estas cifras, Paloma Castro denunciou o “ claro incumprimento” por parte do goberno galego dos obxectivos do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (2011-2022).
Ese plan establece entre os seus obxectivos impulsar a xestión de residuos domésticos en Galicia cara a un escenario máis sostible, mediante a creación de 11 plantas de proximidade ao longo de todo o territorio. “A día de hoxe”, alerta a parlamentaria do PSdeG, “so hai 3 proxectadas, e unha funcionando no complexo de SOGAMA”.
Ante esta situación, Paloma Castro sostén que o goberno da Xunta “ten que mudar a súa política negativa e de confrontación fronte a Lousame e colaborar no impulso desta planta para facilitar a súa continuidade”. Desta maneira, conclúe, tamén se avanzará na necesidade de cumprir no ano 2023 as esixencias da UE de acadar o 50% de reciclaxe de materia orgánica.
A PLANTA DE LOUSAME
A planta de tratamento de Lousame comezou a funcionar en setembro do ano 2003. Na actualidade presta servizo a un total de nove municipios 9 cunha poboación duns 80.000 habitantes.
A presidencia desta mancomunidade é rotatoria entre os alcaldes e alcaldesas dos concellos que forman parte dela por período de 1 ano.