O Grupo Socialista leva ao Parlamento unha batería de iniciativas para salvar as consecuencias da “mala xestión” e a “improvisación constante” da Xunta
A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de rexistrar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta axudas directas á hostalería a curto e longo prazo. Tras manter un encontro con representantes da Asociación Hostelería Compostela -no que tamén participou a deputada Noa Díaz- Gallego lembrou que o sector se atopa “nunha situación límite” debido aos “evidentes efectos da redución de aforos e horarios, a contención dos gastos por parte das familias e o medo ao contacto social”.
Neste contexto reclámalle ao goberno galego un plan de reactivación para a hostalaría a medio e longo prazo onde se recolla un plan de indemnizacións para os locais que tiveron que pechar. Tamén solicita ampliar os aforos e horarios e medidas estables para que se leven a cabo tanto no interior coma no exterior dos locais de hostalería.
A maiores demándalle á Xunta de Galicia que manteña unha xuntanza con todo o sector hostaleiro para incluír as súas achegas a ese plan de reactivación.
“A SITUACIÓN DO SECTOR É DESESPERADA”
Leticia Gallego sinala que coincidindo cos diferentes gromos da Covid-19, a facturación de bares, restaurantes e hoteis caeu o ano pasado un 42 %, o que provocou que sete de cada dez empregos perdidos en Galicia durante o 2020 estivesen nese sector.
Tamén incide en que no último ano, dous de cada dez establecementos de hostalería de Galicia víronse obrigados a baixar a persiana definitivamente polo que case 3.400 hostaleiros e hostaleiras da comunidade víronse obrigados a pechar os seus negocios, “unha media de case 10 ó día”.
A parlamentaria socialista tamén sinala que no actual contexto “a situación do sector da hostalería é francamente desesperada”. Aos negocios pechados súmase a “máxima incerteza” sobre a continuidade dos locais que aínda permanecen abertos e con miles de empregos en risco.
IMPROVISACIÓN CONSTANTE DA XUNTA
Neste escenario, Leticia Gallego denuncia a improvisación nas medidas para os locais de hostalería por parte da Xunta e as escasas axudas postas en marcha pola administración autonómica para un sector tan golpeado por esta crise. Como máximo exemplo da “mala xestión” e da “imporvisación constante” do goberno galego, recorda o rexeitamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao pasaporte covid.
Nun primeiro momento, os hostaleiros tiveron que solicitarlle á súa clientela este certificado durante varias semanas, “perdendo así moitos clientes e en consecuencia perdendo moitos ingresos despois dun ano en crise”. Máis tarde, o TSXG concluíu que a medida “non era idónea nin necesaria nin eficaz”, que “demonizaba á hostalería”, que carecía de seguridade xurídica e que ademais “non solucionaba nada”.
Por todas estas circunstancias, Leticia Gallego considera “imprescindible” que a Xunta de Galicia elabore un plan de reactivación a medio e longo prazo para que a hostalería ao longo de 2022 poida recuperarse da crise pola que pasou no ano 2020 e pola que esta pasando neste ano.